Conceden medio millón de euros máis dos fondos Next Generatión para o proxecto "Vilagarcía Viva"
Por Redacción
Apenas un par de horas despois de que o alcalde, Alberto Varela, valorase o 2021 "como un ano bo para Vilagarcía, pese a situación sanitaria", a cidade recibiu outra excelente noticia para pechar o exercicio. A concesión de 537.023 euros dos fondos europeos Next Generation para financiar o "Vilagarcía Viva", o proxecto de revitalización do comercio de proximidade deseñado pola Concellería de Promoción Económica do Concello.
Vilagarcía tamén obtivo financiamento a segunda proposta presentada á convocatoria, a do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), que recibiu outros 2,5 millóns de euros.
A proposta elaborada pola concellería que dirixe Alba Briones concreta o ámbito de actuación do "Vilagarcía Viva" tanto na Praza de Abastos, como no pequeno comercio e nas zonas urbanas comerciais.
Recóllense diversas intervencións no Mercado público, tales como a adquisición de caixas de recollida intelixente para a entrega e recollida da compra, a posta en marcha dun servizo de reparto a domicilio mediante vehículo eléctrico, a instalación de paneis solares e a implantación de medidas de eficiencia enerxética.
Tamén se prevé a realización de obras de adaptación, mellora dos espazos e accesibilidade, a implantación dun sistema de valorización enerxética dos residuos orgánicos e o acondicionamento da planta superior do edificio para o desenvolvemento de accións formativas e de sensibilización en materia de consumo responsable e economía circular.
O plan tamén inclúe actuacións dirixidas á dixitalización e uso das novas tecnoloxías para a mellora dos procesos de compra. Para iso proponse a implantación de zonas dixitalizadas de carga e descarga e a instalación de puntos de entrega intelixentes en diferentes zonas da cidade de fácil accesibilidade. Tamén se financiarán a adquisición de ferramentas de autodiagnóstico de viabilidade do pequeno comercio, así como a realización de accións de sensibilización e formación en materia de dixitalización e desenvolvemento dun programa de titorización individual para a modernización, revitalización e dixitalización do comercio tradicional.
E, finalmente, promoveranse medidas como a creación do Banco Municipal de Locais Comerciais, o desenvolvemento de accións e eventos para a dinamización e revitalización das zonas comerciais, actuacións de ornamentación e decoración destes espazos, pequenas obras de accesibilidade e instalación de sinalética integral das zonas comerciais.