Volven as chuvias de intensidade moderada a partir do martes ás Rías Baixas
Por Redacción
Galicia situarase este luns 3 de xaneiro nunha xornada de situación intermedia entre as altas presións centradas ao sur da península Ibérica e as baixas do Atlántico, segundo indica o servizo de Meteogalicia. Espérase que o ceo se presente máis cuberto na zona das Rías Baixas e no oeste da Coruña, coa posibilidade de choivas débiles. As temperaturas estableceranse entre os 12 e os 16 graos, con valores moi elevados para esta época do ano, en pleno inverno. O vento soprará de compoñente sur, aumentando a súa intensidade durante a tarde con refachos moi fortes ao final do día.
Ao longo do martes 4, a situación cambiará debido á entrada dunha fronte fría moi activa durante as primeiras horas do día. Os ceos permanecerán cubertos con choivas xeneralizadas e con momentos de intensidade moderada durante a mañá. Ao longo da xornada, Galicia quedará nunha zona de chuvascos, con precipitacións máis intermitentes e apertura de pequenos claros. Cota de neve establecerase nos 1.100-1.200 metros a partir do mediodía. As temperaturas sufrirán un notable descenso, tamén na zona Atlántica para moverse entre os 10 e os 15 graos. O ventos soprarán de compoñente oeste, moderados no litoral e en zonas altas do interior.
Xa o mércores 6, a comunidade autónoma continuará nunha zona intermedia entre altas e baixas presións, cunha fronte cálida que chegará nas horas centrais do día. Será unha xornada con ceos moi nubrados e choivas de escasa intensidade pero que serán xerais nas horas centrais do día. As temperaturas continuarán baixando para pasar a 8-11 graos con ventos que soprarán frouxos de dirección variable.
A partir do xoves entrarán ventos de compoñente oeste e o tempo será cambiante nas Rías Baixas, con choivas que irán aparecendo de maneira intermitente e que, por momentos, serán de neve nas zonas de montaña. As temperaturas continuarán oscilando entre os 7 e os 13 graos.