Un coche empeza a arder no depósito do guindastre e afecta a dous máis e ao teito da nave
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Dous incendios declarados con moi poucos minutos de diferenza queimaron na mañá deste venres catro vehículos e parte da cuberta do depósito do guindastre municipal. Ocorreu entre as 11.15 e as 12.04 horas e obrigou a dúas intervencións simultáneas dos efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra.
O primeiro incidente rexistrouse sobre as 11.15 horas. Os bombeiros recibiron un aviso de que empezara a arder un turismo que se atopaba estacionado no interior do depósito do guindastre municipal situado na rúa Camposanto.
As chamas conseguiron sufocarse en pouco tempo, pero antes deulles tempo a expandirse. Pasaron do turismo no que se declararon a dous vehículos situados en prazas contiguas do depósito e, ademais, subiron cara ao teito da nave e queimaron parte do mesmo.
Mentres os bombeiros estaban sufocando este lume, ás 11.35 horas, recibiron o segundo aviso. Primeiro un particular e inmediatamente despois a Policía Local alertaron de que estaba ardendo este vehículo. Neste caso, o lume comezou cando o coche estaba estacionado na rúa Pastor Díaz.
O dono do coche explicou que o aparcou uns dez minutos antes e, de súpeto, empezou a saír fume da zona do motor. Ata o momento, descoñécense as causas do inicio do lume, pero barállase que se poida deber a un fallo eléctrico.
No segundo incendio, as chamas non se estenderon, a pesar de que o coche estaba estacionado en batería e a un dos lados tiña moi próximo outro vehículo. Os danos limitáronse ao turismo inicial.