Protesta pola retirada de catro pancartas que o Concello asegura que "non tiñan permiso"
Por María José Pita
Os delegados do sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) realizaban neste primeiro día laborable do ano unha concentración diante da sede na rúa Michelena do Concello de Pontevedra.
Con este acto, protestaban pola retirada por parte de operarios municipais das catro pancartas que co lema xenérico 'Non á represión de Lores contra os traballadores de Ence' denunciaban a situación xudicial na que se atopa o membro do Comité de Empresa de Ence, Ramiro Cerdeira, a quen a fiscalía lle solicita un ano de prisión por golpear o vehículo do alcalde despois de protagonizar un peche con outros traballadores na Casa Consistorial en marzo do pasado 2021.
Esta catro pancartas estaban situadas nas rúas Michelena e Cobián Roffignac, na entrada á praza da Ferrería e xunto á sede de Correos. Membros do sindicato colocáranas o 29 de decembro e un día despois xa foran retiradas polos operarios dos servizos de mantemento municipal.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., aludía á retirada das pancartas indicando que "é un roubo, é un ben de Comisións Obreiras, que teñen un importe superior a 400 euros".
Con todo, García Pedrosa admitía de un modo implícito que a súa colocación puidese non axeitarse á normativa. "Infrinximos algunha normativa administrativa? O que tiña que facer o Concello de Pontevedra é dirixirse a nós para dicirnos que retirásemos as pancartas e, evidentemente, se nos negásemos a retiralas, proceder eles á súa retirada", manifestaba o secretario comarcal.
Pola súa banda, desde o Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, a portavoz municipal, respondía tras a Xunta de Goberno local á pregunta de PontevedraViva indicando que "non tiñan permiso, non fixeran ningunha comunicación e como calquera outra asociación, sindicato ou calquera outro particular se procede a retirar a pancarta, cunha matización: estaban en pleno alumeado de Nadal en festas, por tanto se dan as instrucións pertinentes para retirar esa faixa".
Finalmente, co comezo do ano, o secretario comarcal de CC.OO. indicaba que se retomarían as mobilizacións para reclamar a continuidade de Ence en Lourizán, aínda que non serían inmediatas. O motivo é que para este mes de xaneiro está prevista a parada técnica da fábrica de celulosa. Unha vez rematada, anunciarán un novo calendario de protestas.
Relacionadas:
-
Protesta de Ence nas rúas de Pontevedra: "Todos somos Ramiro"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Protesta diante da Audiencia por considerar inxusta a actuación da Fiscalía contra un traballador de ENCE
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un traballador de Ence, no xulgado por invasión da Casa do Concello: "Non agredín a ninguén nin somos ningúns delincuentes"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |