A cabalgata de Reis obriga a limitar aparcamento e pechar rúas do centro de Vilagarcía
Por Redacción
Con motivo da celebración da Cabalgata de Reis de mañá, mércores 5 de xaneiro, a Policía Local lembra que os estacionamentos das rúas polas que pasará a comitiva deberán quedar totalmente libres de coches antes das 17.00 horas. A partir dese momento, a grúa retirará os vehículos que permanezan na zona. Tamén a esa hora, ás 17:00, comezarán os peches ao tráfico rodado pola zona da Avenida da Mariña comprendida entre os cruces coa Rúa Elpidio Villaverde e co de Rivero de Aguilar espazo inde se irá organizando a comitiva Real que participará no desfile que se inicia ás 19.00 horas.
A partir das 18.50 pecharanse Conde Vallellano, Praza de Galicia, Arcebispo Lago, Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo, Praza de España, Edelmiro Trillo e Arapiles e, posteriormente, coincidindo co paso da comitiva por estas zonas, a avenida Rosalía de Castro, Juan Carlos I e a rúa San Roque entre os cruces da Porta da Luz Salgada e o Ramal.
A Policía Local recomenda aos veciños da cidade que, dentro do posible, garden os vehículos nos garaxes, e quen no teña esa posibilidade, os estacionen con antelación suficiente fora das zonas afectadas pola Cabalgata. En canto aos visitantes, a recomendación é que accedan a Vilagarcía antes das 17.00 horas para estacionar nos aparcamentos disuasorios (As Pistas- Piñeiriño, Fexdega, Finca Douro, zona do mercado, xulgados, TIR, estación de ferrocarril e rúa Vila Janer) ou párkings públicos (Praza de España, Cavadelo, peirao de pasaxeiros ou Xoán XXIII).
A Policía tamén prega que, na medida do posible, se evite circular en coche pola zona urbana entre as 19.00 e as 21.00 horas, e que se respecte ao máximo a sinalización circunstancial e as indicacións dos axentes que tratarán de facilitar a circulación que se prevé que será lenta e densa nas vías alternativas: Rivero de Aguilar, Valle-Inclán, Pablo Picasso, Avenida de Cambados, Doutor Tourón, Rodrigo de Mendoza e avenida das Carolinas.
Piden que se chame á Policía en caso dalgunha urxencia. No suposto de urxencias médica ou doutra índole, prégase se poñan en contacto coa Policía chamando ao 986 501 582, dende onde lles lles facilitará a achega dos medios de auxilio necesarios.
Os Reis Magos manterán o tradicional desfile polas rúas de Vilagarcía pero, dada a situación sanitaria, introducíronse cambios no evento para previr riscos e garantir a seguridade. Os cambios máis visibles son que se reduce de forma importante o número de participantes na comitiva Real que acompañará a Melchor, Gaspar e Baltasar na Cabalgata, e que nesta ocasión os Reis non lanzarán caramelos para evitar as típicas aglomeracións á hora de collelos. Por esta mesma razón, non haberá nin paseo a pé dos Reis polos Xardíns de Ravella, nin Belén Vivinte fronte ao Consistorio e os Magos tampouco realizarán o tradicional saúdo e o discurso que dedicaban aos vilagarciáns que se reunían en Ravella ao remate do desfile.
A Cabalgata comezará ás 19.00 horas, partindo do tramo da avenida da Mariña comprendido entre o Auditorio e o cruce coan Rivero de Aguilar. O desfile pasará por Conde Vallellano, Praza de Galicia e Arcebispo Lago para continuar por Alejandro Cerecedo e coller pola avenida Doutor Tourón cara a Praza de España. O desfile seguirá por Edelmiro Trillo, Padre Feijoo e Arapiles, onde rematará xusto á chegada aos xardíns de Ravella.
O Concello prega á xente que acuda a ver o desfile dos Magos que evite as aglomeracións e que, na medida do posible, garden as distancias de seguridade xa que as altas carrozas reais permitirán ver aos Reis sen necesidade de estar en primeira fila. Independentemente disto, pídeselles que leven posta a máscara en todo momento, como tamén o farán Melchor, Gaspar e Baltasar e todos os seus paxes reais e acompañantes.