Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita
O persoal de limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo comeza o ano cunha situación desesperada. En plena sexta onda da pandemia da covid, atópanse con que a empresa Acciona, a concesionaria do servizo, paralizou as negociacións do convenio colectivo e négase a mellorar as condicións de traballo nas quendas de limpeza.
"O convenio levaba sen negociar dende o ano 2016 coa anterior concesionaria Grupo Norte Limpisa", explica Diana Rodríguez, a secretaria comarcal de CIG-Servizos de Pontevedra. En setembro de 2021 comeza a negociación con Acciona, na que as tres centrais sindicais con representación no Comité de Empresa, CIG, CC.OO. e UXT, "fomos capaces de confluír nunha única plataforma de reivindicación social". Pero os intentos de negociar coa empresa concesionaria vanse frustrando e "tras catro reunións, a empresa Acciona decidiu suspender a reunión prevista para o pasado 20 de decembro e agora péchase en banda e non acepta poñer outra data", denuncia Diana Rodríguez.
Ante esta situación, os tres sindicatos acordaron convocar mobilizacións durante o presente mes. As concentracións anúncianse para os martes 11 e 18 de xaneiro e os xoves 13 e 20 de xaneiro ás 10:00 horas de xeito simultáneo nas portas principais do Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.
Con estas medidas de presión agardan que a empresa sente cos traballadores e acceda a negociar os puntos do convenio. José Luis García Pedrosa, o secretario comarcal de CC.OO., lamenta que a concesionaria neste momento só acepte un único punto da negociación: "a posible recolocación do persoal do Hospital Provincial en Montecelo no caso de que cando se remate o Gran Montecelo o Provincial deixe de ter actividade sanitaria".
" Non cobran ningún tipo de complemento por perigosidade ou penosidade"
Engade o secretario comarcal de Comisións Obreiras que o persoal de limpeza, imprescindible nesta pandemia para evitar a propagación do virus nas diferentes zonas hospitalarias, leva arrastrando unhas condicións de traballo que precisan dunha revisión, tanto de organización como nos salarios. "Non cobran ningún tipo de complemento por perigosidade ou penosidade, é un sistema arcaico porque nestos tempos de pandemia non ten sentido que se dé esta situación".
Na rolda de prensa celebrada no edificio sindical da rúa Pasantería estaban representados os tres sindicatos que se uniron para as negociacións e contou coa presenza de numerosos traballadores. Unha destas profesionais de limpeza relataba algunhas das condicións ás que se enfrontan no seu día a día. No seu caso, cubriu a quenda do 1 e 2 de xaneiro no Hospital Provincial. "Los festivos y domingos estamos a mínimos de personal. Hay una incrementación de covid tremenda ahora mismo, hay que atender a varias salas y cuando vienen los pacientes con covid hay que bloquear ascensores, tienes que dejar lo que estés haciendo en tu sala para ir a desinfectar el ascensor... Es un estrés terrible. Para, cámbiate, el EPI, quítate, desinféctate, es un estrés continuo. Fue una mañana de locos y el domingo toqué fondo".
Outra traballadora recoñecía que a situación no Hospital Montecelo é similar, con persoal insuficiente para cubrir todos os espazos e servizos: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo". Ter que deixar a medias un servizo para rapidamente trasladarte a outra sala para facer as desinfeccións de espazos onde estivesen pacientes con covid implica que a carga de traballo aumente e que o persoal de limpeza estea esgotado física e mentalmente.
E para achegar máis gravidade a este asunto, denuncian os limpadores que antes da covid desenvolvían o seu traballo en salas ou en oficinas, pero coas necesidades de actuación ante o virus agora teñen que compaxinar as diferentes tarefas sen ter recibido ningún tipo de formación concreta nin contar cun protocolo de actuación específico.
Á lista de abusos aos que son sometidos súmase a non cobertura das baixas. Neste momento, calculan que en cada hospital pode haber ao redor de 8 baixas que non se están repoñendo, algunhas delas por covid. "Se non hai máis, porque hai unha opacidade total da empresa aos Comités", sinala Diana Rodríguez. A secretaria comarcal de CIG-Servizos manifesta que "é tan sinxelo como que a empresa se sente co Sergas e dicir que necesito tantas contratacións eventuais para facer un reforzo do covid, igual que se fai na Sanidade, pero aquí na limpeza non nolo atopamos, en ningunha das olas".
As concentracións son un primeiro chanzo para conseguir que se recoñezan as demandas dos traballadores no convenio colectivo por parte da empresa concesionaria, que ademais de levar a limpeza dos hospitais da cidade de Pontevedra encárgase tamén do Álvaro Cunqueiro e o Meixoeiro, ambos en Vigo, e onde o persoal de limpeza conta con mellores condicións salariais que, porén, no caso do Hospital Provincial e Montecelo a concesionaria non accede a recoñecer. En caso de non lograr este obxectivo, desde a representación sindical non se descarta convocar unha folga.
Relacionadas:
-
Sanitarios por un traballo digno: "En oito anos tiven 480 contratos e hai xente que ten mil"
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Traballadores de oficinas mobilízanse en Pontevedra e Vilagarcía para esixir un novo convenio colectivo
Por Redacción |
-
Anuncian protestas do persoal de Acciona nos hospitais tras o despedimento dunha traballadora da limpeza do Provincial
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras denuncia a discriminación de xénero existente no servizo de limpeza hospitalaria
Por Oskar Viéitez |
-
O persoal de limpieza do Provincial e Montecelo convoca unha folga a partir de 2 de maio
Por Manu Otero |
-
"Por un convenio digno. Acciona negocia xa!", clama o persoal de limpeza de Montecelo e o Provincial
Por María José Pita |
-
CC.OO. alerta da discriminación por sexo na empresa concesionaria do servizo de limpeza dos hospitais púbicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
O persoal de limpeza de Montecelo quéixase do "sobreesforzo permanente" nas áreas de atención á covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Solicitan reforzos de persoal de limpeza no Complexo Hospitalario de Pontevedra para afrontar as dificultades que provoca a pandemia
Por Redacción |
-
Reclaman o plus de perigosidade para o persoal de limpeza do Hospital Provincial e Montecelo
Por Anxo Lourido |