Dúas horas extra de aparcamento gratuíto para visitar os Reis Magos na Sala Nauta
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo habilitará este mércores 5 de xaneiro dúas horas gratuítas adicionais ás familias empadroadas no municipio para que poidan visitar aos Reis Magos durante a súa visita á Sala Nauta.
A medida xa se adoptou en 2021 e, segundo o Concello, busca que as familias poidan gozar dunha cita do Nadal moi especial.
Os Reis chegarán este mércores 5 a Sanxenxo no Tren Mago antes da recepción na Sala Nauta. A chegada está prevista ás 16.30 horas e prolongarase ata as 20.00 horas para que ningún pequeno quede sen ver ás súas maxestades de Oriente, facerse unha fotografía co seu rei favorito e recibir unha bolsa de caramelos.
Para facer a espera máis amena, está prevista animación no exterior con música, zancudos e personaxes de animación que contribuirán ao ambiente lúdico e festivo da cita.
A partir das 17:30 horas, a Asociación Soalleira de Dorrón deleitará aos asistentes coa tradicional Danza de Reis na Praza dos Barcos.
Pola mañá, a partir das 11 horas, os paxes reais realizarán un percorrido co Tren Mago por todas as parroquias do municipio anunciando a recepción real que terá lugar pola tarde. Partirán desde o pavillón da Florida subirán a Miraflores pasando por Reis, Bordóns, Dorrón, Os Cotos, Areas, Nanín, Avenida de León, Rúa Progreso, Rúa Castiñeiros, Fontoira, Nantes, Pedroño, Polígono, O Santo, Cruce Parladoiro, Adina, Rotonda Portonovo, carretera A Lanzada, Travesía Areal, Espiñeiro, Rafael Pico, Caneliñas, A Perla, Arra, Montalvo, Aios, Noalla, Quintáns, Telleiro, Revolta, Rouxique, Costiña, Arnosa, Salgueira (Saída Eko Max), centro Vilalonga, Praza Vilalonga, Igrexa Vilalonga, Capela de Gondar, Vichona, Rotonda Arnelas, Avenida de Luis Rocafort, Paseo de Silgar, porto deportivo, Rúa de Madrid e A Florida.
Doutra banda, a Banda de Música de Sanxenxo acaba de anunciar a cancelación do tradicional concerto de Reis previsto o 6 de xaneiro no Auditorio de Emilia Pardo Bazán debido á situación sanitaria.