Aprazan o Torneo Súper Smash Bros Ultimate previsto en Poio pola situación sanitaria
Por Redacción
A concellería de Xuventude de Poio informou este martes da suspensión do Torneo Súper Smash Bros Ultimate que se ía a celebrar o vindeiro sábado 8 de xaneiro na Casa Rosada, e que supoñía o peche da programación de Nadal no municipio.
A decisión de aprazar a competición virtual débese á actual situación sanitaria.
"Tiñamos un número limitado de prazas para participantes e íanse garantir todas as medidas sanitarias correspondentes, pero entendemos que, dado o contexto actual, é preferible adiar o evento ata que superemos a sexta onda da COVID", explicou a edil Rosa Fernández.
A concelleira agradeceu a comprensión da Asociación Gaming Troop, impulsora da actividade, e aínda que non se estableceu aínda unha nova data para poder celebrar o torneo "estamos barallando a opción de trasladalo a principios de marzo", confirmou.
O Torneo Súper Smash Bros Ultimate de Poio cubrira xa 32 das súas 40 prazas dispoñibles.