Asinado o proxecto para converter o pavillón municipal de Meis nun gran centro deportivo
Por Redacción
Na mañá deste martes 4 de xaneiro, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, acompañada da concelleira de Obras Araceli Maquieira, asinaban o convenio para o proxecto de rehabilitación do pavillón municipal para convertelo nun centro deportivo máis amplo, coa construción dun ximnasio de uso público e unha sala polivalente para actividades sociais.
Trátase do primeiro convenio asinado do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra. No caso de Meis supón unha inversión de 507.715 euros, dos que a Deputación achega 431.558,17 € e o Concello 76.157,32. Coa sinatura do convenio, o proxecto xa está listo para saír a licitación.
A presidenta Carmela Silva valoraba o proxecto presentado por Meis ao plan, "que tivo moi boa puntuación, cunha obra que vai garantir que a veciñanza dispoña dun equipamento que permita non soamente a práctica do deporte, senón tamén outro tipo de iniciativas sociais e culturais". Así mesmo, Silva avanzou que ao longo deste mes iranse asinando todos os convenios do ReacPon, "a maior inversión feita nunca pola Deputación cun plan extraordinario, e felicitámonos pola resposta dos alcaldes e alcaldesas. Estou segura que poucas provincias en España están a facer esta aposta tan importante", sinalou.
Pola súa banda, a alcaldesa Marta Giráldez incidiu en que esta actuación vai permitir dar solución aos continuos problemas de filtracións de auga na instalación deportiva e vén cumprir tamén un dos seus primeiros compromisos. "É un día histórico porque Meis é un concello cun orzamento de apenas 3,1 millóns de euros e levabamos anos sufrindo problemas no pavillón".
O PROXECTO DO CENTRO DEPORTIVO
A rehabilitación rematará co actual estado de deterioro do pavillón municipal e dotará ao edificio dun correcto illamento e a climatización que evitará os problemas de humidades e pingueiras.
Renovarase a cuberta cunha envolvente térmica para conseguir o illamento, incluíndo lucernarios para mellorar o aforro enerxético, e apostarase polas enerxías renovables cun sistema máis eficiente na produción de auga quente sanitaria a con seis paneis solares. A climatización será por enerxía aerotérmica.
Tamén se dotará de salubridade ao recinto, para unha correcta ventilación, equipamento hixiénico de auga apta para consumo de forma sostible, produción de auga quente dotada con sistemas de acumulación e novo sistema de extracción de augas residuais. Ademais, o edificio limitará o risco de exposición ao radón e contará con elementos de protección fronte ao ruído aéreo, ao de impactos e das vibracións das instalacións propias.