O alcalde de Caldas pide unha reunión con conselleiro de Sanidade ante a eliminación dun médico de urxencias no PAC
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, solicita unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para tratar con el en persoa a situación que se vive no centro de saúde de Caldas desde o 1 de xaneiro coa eliminación do segundo médico das urxencias do PAC polas tardes.
Rey enviou unha carta a García Comesaña solicitándolle a restitución polas tardes dese segundo médico, xa que a praza foi eliminada desde principios deste ano pola modificación do plan funcional do centro médico caldense.
"Esta decisión parécenos moi grave", sinala na carta o alcalde. Lembra que as urxencias extrahospitalarias do PAC de Caldas atenden tamén á poboación dos municipios de Cuntis, Moraña e Portas, que suman en total máis de 21.000 persoas e que o ámbito deste territorio ten unha superficie de 211 quilómetros cadrados, cunha gran dispersión de poboación, o que obriga a desprazamentos dos facultativos que deixarán sen persoal médico o PAC durante moitos momentos das tardes”.
O alcalde solicita que "volvan a garantir" a presenza de dous médicos durante as tardes de luns a venres no PAC de Caldas e modifiquen o plan funcional para que esta presenza sexa obrigatoria.
Juan Manuel Rey tamén anuncia que dende o Concello "imos esixir por todos os medios que se restableza a dotación do persoal médico e se garanta unha atención sanitaria digna na comarca de Caldas".