Trasladan unha muller ao Hospital do Salnés despois de sufrir un atropelo na avenida de Vilanova
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha muller era trasladada a última hora da tarde deste martes 4 de xaneiro para ser atendida dos danos sufridos ao ser atropelada no municipio de Vilagarcía de Arousa.
Segundo informan desde o 112 Galicia, varias persoas contactaron con este servizo ao redor das 19.45 horas para alertar de que unha muller, de 62 anos, fora alcanzada por un vehículo na avenida de Vilanova. Solicitaban asistencia médica para a vítima do accidente.
A Policía Local de Vilagarcía indica que a veciña cruzaba cos seus cans polo paso de peóns situado neste punto. Cando xa tiña atravesado un carril da calzada, a muller foi alcanzada por un turismo BMW conducido por un veciño de Vilaxoán que circulaba polo outro carril. A muller, que non perdeu o coñecemento, foi trasladada ao Hospital do Salnés, en principio con feridas leves. Unha veciña encargouse dos cans da vítima.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia trasladaron o aviso ao persoal sanitario, á Policía Local e aos Bombeiros e integrantes do servizo de Protección Civil de Vilagarcía. Finalmente, estes servizos confirmaban que a vítima foi trasladada por profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 ao Hospital do Salnés para pasar unha exploración médica.