Solicitan unha subvención de 2 millóns de euros para a apertura do treito urbano do Gafos
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural solicitou unha axuda estatal de dous millóns de euros para o proxecto de apertura do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo, en concreto para liberar e renaturalizar un primeiro treito soterrado que discorre entre a rúa Xeneral Rubín e a igrexa de San Xosé (Praza da Constitución).
O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes solicitou unha subvención por valor de 4.789.941,67 euros no marco da convocatoria da Fundación Biodiversidade (adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) para fomentar actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas. A proposta municipal, emitida o pasado 30 de decembro, inclúe eses dous millóns para o Gafos.
O plan de recuperación e restauración ecolóxica do treito urbano do río dos Gafos para o que se solicita subvención abrangue un primeiro tramo cunha extensión de 330 metros do total de 540 que se atopan actualmente soterrados.
O obxectivo é desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial, a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático.
Entre as accións recollidas tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e ademais incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas. O que se busca é unha especie de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de espazos verdes.
Nesta proposta tamén se recollen a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, cun orzamento de máis de 368.000 euros, e a mellora ecolóxica e paisaxística do contorno do Recinto Feiral, coa inclusión de sistemas urbanos de drenaxe sostible, á que se destinaría arredor dun millón de euros.
A candidatura remitida á Fundación Biodiversidade tamén ten previstas a restauración ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa (a carón do Lérez) e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), así como a creación dunha cuberta verde no Pazo da Cultura, con orzamentos de máis de 190.000 euros e de 160.000 euros, respectivamente.
Por outra parte, Iván Puentes agarda que nos vindeiros días se poida poñer en marcha a licitación do proxecto para recuperar o tramo do Gafos que discorre entre as rúas da Tablada e Rosalía de Castro, que o Concello de Pontevedra executará con cargo a unha achega económica de 600.000 euros dos fondos Edusi”
Ademais, o concelleiro agarda que o Concello poida asinar nas vindeiras semanas co Colexio de Arquitectos o contrato para lanzar o concurso internacional de ideas que definirá o proxecto para liberar e renaturalizar o treito urbano do río dos Gafos.
Relacionadas:
-
Pontevedra compartirá experiencias sobre renaturalización e loita contra o cambio climático en Vitoria
Por Redacción |
-
As obras para liberar o río dos Gafos empezarán este ano
Por Redacción |
-
Augas de Galicia avala o proxecto para liberar o río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Proxectan a eliminación de especies invasoras nun treito do río Lérez que discorre por Santo André de Xeve
Por Redacción |
-
Os veciños de Campolongo piden o inicio da obra de descuberta do tramo urbano do Gafos neste mandato
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra recibe un millón de euros de Europa para rexenerar as ribeiras do Lérez
Por Manu Otero |
-
Primeiro paso para o proxecto de destapar o Gafos: encargado o estudo de viabilidade
Por Redacción |