O regreso do alumnado ao campus será presencial para as clases e exames
Por Redacción
A actividade docente manterase de xeito totalmente presencial para todas as titulacións do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. As clases retomaranse o luns 10 de xaneiro e farano con clases e exames presenciais.
Tal e como informou a Universidade de Vigo, todas as súas titulacións nos tres campus retomarán a actividade docente tal e como o viña facendo antes das vacacións de Nadal: apostando pola presencialidade, tanto nas clases, como nos exames, con medidas que garanten que as persoas confinadas por mor da covid-19 non perdan nin docencia, nin probas de avaliación.
O incremento das cifras de contaxios que se está a rexistrar nesta sexta onda da pandemia tamén se vive na Universidade de Vigo. No período comprendido entre o 6 de decembro e o 2 de xaneiro, rexistráronse 62 positivos por covid (35 no campus de Vigo, 18 en Pontevedra e 9 en Ourense) e a incidencia entre o 20 de decembro e o 2 de xaneiro foi de 87/100.000.
O reitor sinala que a incidencia é "baixísima se a comparamos coa actual", aínda que tamén sinala que é preciso ter en conta que unha parte da comunidade universitaria, especialmente o estudantado, "non tería comunicado a súa positividade aos respectivos delegados covid do seu centro por estar fóra da actividade docente.
Como xa se fixera noutros momentos da pandemia, a universidade realizará a vindeira semana tests PCR sobre saliva ao seu persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos.
En canto ao alumnado, unha vez rematados os exames, retomaranse as mostraxes xerais ou centradas naquelas aulas nas que aparezan contaxios.