Os recortes no PAC de Caldas chegarán ao Parlamento de Galicia da man do BNG
Por Redacción
A situación actual do centro de saúde de Caldas, no que desde o 1 de xaneiro perderon un dos facultativos en horario de tarde de luns a venres, chegará ao Parlamento de Caldas de Reis da man do BNG.
A Xunta modificou o Plan Funcional do centro, polo que o servizo de urxencias extra hospitalarias contará cun único médico para atender as máis de 21.000 persoas dos concellos de Caldas, Portas, Moraña e Cuntis.
Trátase, para o BNG, dunha decisión "irresponsable" e que pode ter graves consecuencias, xa que o centro médico quedará desatendido cada vez que o seu único médico teña que facer unha saída, o cal se produce con frecuencia.
A situación do PAC de Caldas non era a ideal antes desta modificación, pois requiría da dotación dunha praza de enfermería máis en cada quenda para funcionar con dous equipos completos.
Os portavoces municipais do BNG dos concellos afectados (Caldas, Cuntis, Moraña e Portas) reuníronse este venres co deputado Luís Bará en Caldas de Reis.
Despois desa reunión, anunciaron que levarán este asunto ao Parlamento Galego para demandarlle ao PP que cese dunha vez por todas os ataques contra a Sanidade Pública e dote ao PAC de Caldas de dous equipos.
O BNG destaca que estes recortes se producen precisamente nun momento no que a pandemia do coronavirus está a rexistrar unhas cifras de contaxios nunca antes vistas, e no que é precisamente a Atención Primaria a encargada de diagnosticar, atender e facerlle o seguimento a estes pacientes.
Para o portavoz do BNG de Caldas, Manuel Fariña, "este é o peor ataque posible e no peor momento posible contra a nosa sanidade pública, un auténtico atentado contra a saúde das veciñas e veciños desta comarca".
Luís Bará engade que decisións coma esta "o que fan é someter o persoal a maiores cotas de traballo e estrés, incrementar a presión nas urxencias hospitalarias e derivar cada vez máis persoas á sanidade privada, verdadeira razón non confesada das políticas de recortes de persoal aplicadas na atención primaria na última década".