Recoñecemento do firme e dos sinais verticais en Sanxenxo para mellorar a seguridade viaria e de tráfico
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo iniciou o recoñecemento do firme, marcas viarias e sinais dentro do municipio co fin de mellorar a seguridade viaria e de tráfico. Os encargados de levar a cabo a revisión son os axentes da Policía Local, que xa completaron as parroquias de Dorrón, Vilalonga, Nantes, Adina e Noalla e notificaron numerosas incidencias.
"Buscamos mellorar a seguridade tanto do peón como dos coches ao longo de todos os quilómetros de titularidade municipal. A Policía Local está a realizar un traballo minucioso que dará os seus froitos e axudará a fixar as actuacións prioritarias", asegura Jaime Leiro, concelleiro de Seguridade Cidadá.
Durante a revisión realizada ata o momento, a Policía Local xa contabilizou máis de dous centenares de sinais verticais necesarias en cruces e viarias onde se detectou xa algún accidente. Ademais, debido ao mal estado dalgunha estrada o Concello destinará unha partida de 580.000 euros para levar a cabo un plan de asfaltado naqueles puntos do municipio onde sexa necesario.
Finalmente, desde o goberno local lembran que ao longo de todo o ano xa realizan bacheos en distintos viais con especial tránsito de vehículos para mellorar a seguridade de circulación. Estes traballos os realizan a través dun convenio coa Mancomunidade do Salnés, que unha semana ao mes cede o vehículo de bacheos a Sanxenxo para realizar estes traballos.
En 2021 realizaron un total de 208 bacheos en diversos puntos das sete parroquias.