Máis de 100.000 euros para mellorar o estado e a funcionalidade dun camiño en Rebón, Moraña
Por Redacción
O Concello de Moraña adxudicará a vindeira semana os traballos para a pavimentación dun camiño na parroquia de Rebón, entre Rebón de Arriba e Pasada, cos que se busca mellorar o estado e a funcionalidade do seu pavimento.
O alcalde, Jose Cela, anunciou que a intención municipal é poder iniciar as obras "canto antes", pois actuar neste vial de titularidade municipal é "esencial" porque se trata dunha vía de circulación moi utilizada no interior do núcleo e precisa dunha mellora para garantir que poida ser utilizada correctamente e con todas as garantías de seguridade.
O orzamento de licitación ascende a 100.703,62 euros, IVE incluído, e investirase con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O proxecto técnico recolle que se realizará unha limpeza das cunetas en ambas marxes, aproveitando ao máximo a plataforma existente. Vaise volver asfaltar con MBC de 5 centímetros de espesor medio e recalzaranse as tapas de saneamento e de pluviais.
A obra incluirá a reconstrución e reforzo do muro de contención situado no centro do núcleo de Rebón de Arriba.
Con esta actuación, dáse continuidade á reconstrución parcial que xa se fixera anteriormente e completa a construción total do muro.