Masiva protesta baixo a choiva en Carballedo para dicir non ao parque eólico dos Cotos
Por Redacción & Cristina Saiz
Centos de persoas, 400 segundo as cifras oficiais facilitadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade, participaron este domingo na concentración convocada contra o proxecto de implantación do parque eólico dos Cotos, que afecta especialmente a este municipio e tamén ao veciño de Ponte Caldelas.
A participación resultou un éxito para os convocantes, que destacan que a poboación acudiu á protesta a pesar da intensa choiva que caeu durante toda a mañá e de forma intensa durante a media hora que durou a protesta diante da Casa Consistorial de Cerdedo-Cotobade, en Carballedo.
'Non, Eólicos non', foi a mensaxe máis repetida durante a concentración, na que chegaron a cortar a cortar a circulación en momentos puntuais. En xeral, os concentrados corearon consignas contra a instalación de máis aeroxeradores no municipio.
Ademais, as persoas presentes, todas con paraugas, levaron pancartas con lemas alusivos ao rexeitamento a este parque. Participaron con pancartas veciños de Borela, Carballedo, Augasantas, Viascón, Rebordelo e Loureiro, así como a Asociación de Veciños Chan da Rotea, de Baltar, en Ponte Caldelas.
O alcalde, Jorge Cubela, encabezou a protesta e ao seu carón situáronse os representantes de oposición (PSdeG-PSOE e BNG) convidados polo rexedor a encabezar de xeito unitario a mobilización.
Ademais, acudiron representantes dos grupos municipais do PPdeG e BNG de Ponte Caldelas, que están no oposición. Pese a ser convidado, non acudiu o alcalde, Andrés Diaz, que xa anunciara que non secundaba a convocatoria.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade leu un manifesto no que fixo un chamamento á unidade de acción e á implicación de todo tipo de sensibilidades na defensa dos intereses dos veciños "por enriba de calquera posicionamento político, personalista ou protagonismo".
Manifestou tamén que está convencido de que a loita unitaria coas comunidades de montes, a plataforma e os veciños afectados é o camiño que se debe seguir para defender os intereses dos veciños e dos lugares afectados pola implantación deste tipo de macro-proxectos eólicos.
Cubela informou aos presentes que a empresa medioambientalista contratada polo Concello, en colaboración cos técnicos municipais, están ultimando xa os informes en contra e as alegacións de rexeitamento para intentar "botar abaixo o proxecto".
Relacionadas:
-
Cubela acusa de difamación ao PSOE e fala de "manipulación política" no conflito dos Parques Eólicos
Por Redacción |
-
O PSdeG-PSOE ve a Jorge Cubela "cómplice" dos 14 proxectos de parques eólicos por "inacción"
Por Redacción |
-
Os voceiros municipais de Cerdedo-Cotobade mostran o seu rexeitamento contra o parque eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas leva ao Defensor do Pobo as "chapuzas" na tramitación do parque eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas presentou os informes desfavorables ao Parque Eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
Unanimidade en Cerdedo-Cotobade no rexeitamento ao Parque Eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez |
-
A plataforma 'Asieolicosnon' protestará este sábado diante do edificio da Xunta en Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz critica a "falta de compromiso de Cerdedo-Cotobade" contra o parque eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
Os grupos municipais de BNG e PP de Ponte Caldelas súmanse á protesta contra o parque eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
Discusión entre os gobernos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas polo proxecto de parque éolico dos Cotos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade coinciden no seu rexeitamento ao proxecto eólico dos Cotos
Por Redacción |