A Lama estrea a humanización do Camiño das Cocheiras
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello da Lama veñen de rematar coas obras de humanización do Camiño das Cocheiras, emprazado en pleno centro urbano, grazas a un investimento de case 50.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde da Lama, Jorge Canda, acompañados polo tenente de alcalde, David Carrera, e do xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, supervisaron este mediodía a conclusión destes traballos, que foron financiados ao 70% polo departamento autonómico.
"A humanización e urbanización das vilas, especialmente daquelas dos municipios de ata 20.000 habitantes ás que se dirixía esta convocatoria, é fundamental para frear a despoboación, xa que reforza as súas infraestruturas e servizos facendo que sexan espazos máis confortables para vivir e mellorando a calidade de vida dos seus veciños", significou o representante autonómico.
O proxecto desenvolvido permitiu dar continuidade á anterior remodelación da Rúa da Pedreira para completar a humanización deste barrio do centro urbano da Lama. Para elo, dotouse a esta vía dunha franxa central de lastro de granito acompañada de lousas de pedra nobre nas marxes laterais.
A actuación completouse cunha rebaixa do nivel da rúa para favorecer a súa conexión coa estrada EP-0301 ao seu paso polo centro da Lama e coa construción dunha nova rede de evacuación de augas pluviais para garantir a correcta escorrentía das precipitacións.