O trotamundos de Bueu que abriu un hotel en Cádiz e acabou concursando en Masterchef Abuelos
Por Alejandro Espiño
Para cociñar, como para case todo na vida, non hai idade. É o que demostrou José Piñeiro que, aos seus 66 anos, embarcouse no que, segundo el mesmo recoñeceu, foi un dos retos máis difíciles da súa vida: rodearse de fogóns.
El foi un dos doce concursantes da segunda edición de Masterchef Abuelos, a edición senior do popular programa de cociña de TVE.
Piñeiro, natural de Bueu, fixo unha entrada inesquecible no programa. "Como estás?", preguntoulle Pepe Rodríguez, un dos tres xuíces nada máis entrar nas cociñas. "Máis bo que o pan, como podes ver" foi a súa resposta, entre as risas dos seus compañeiros.
O agora empresario explicou que rexenta dous hoteis en Cádiz xunto á súa esposa, Natalia. Pero ao longo da súa vida traballou como electricista, descargando camións ou como vixiante no metro de Madrid. A Cádiz chegou como mergullador profesional e alí decidiu botar raíces.
"Fixen tantas cousas que non acordo", sinalou mentres relataba a súa experiencia vital. Pero se algo lle gusta é viaxar. Percorreu máis de 100 países e encántalle facelo na súa moto.
Organiza competicións de cociña cos seus amigos e montou unha asociación gastronómica.
- ¿José cómo estás?
— MasterChef (@MasterChef_es) January 10, 2022
- Más bueno que el pan, como puedes ver#MCAbuelos pic.twitter.com/WUPJ5TqbZw
Entre as súas compañeiras de edición de MasterChef Abuelos non pasou desapercibido o seu atractivo carisma. Incluso a actriz Carmina Barrios, unha das invitadas do programa, comparouno cun galán de cinema da talla do actor Sean Connery.
A súa especialidade son os arroces e o polo con maracuxá, pero non puido demostralo no programa porque, na súa primeira proba, tivo que cociñar un prato de atún. Fíxoo co seu neto Leo, co que o preparou en tartar con aguacates e gambas.
Iso si, non foi moi do agrado dos xuíces do programa, que encomiaron os sabores que tiñan todos os produtos por separado, pero lamentaron que todo fora un "batiburrillo".
Para a proba de exteriores, os concursantes viaxaron a Benidorm. O de Bueu quedou encadrado no equipo azul, que tivo que preparar 85 racións dunha minestra de verduras con velouté en aceite de escabeche como entrante e de arroz margarida como prato principal.
Co galego á fronte do arroz, realizaron unha gran proba e, tras asinar dous "platazos" como apuntaron os xuíces, recibiron a máxima puntuación nesta segunda fase.
Cos sete puntos que sumou nestas dúas probas, José Piñeiro enfrontouse ao terceiro e último reto da noite, de novo no estudio do programa. Os participantes tiveron que replicar un prato creado polo prestixioso chef Toño Pérez.
Non foi un desafío fácil, a pesar de poder cociñar seguindo a receita. E ao galego atragoóuselle un pouco. Os comensais que xulgaron o seu prato, entre eles o pontevedrés Pepe Solla, concluíron que aínda que a salsa estaba "moi ben", a carne non.
"Tes un aprobado raspado por un problema de cocción", destacou o xuíz Jordi Cruz.
Para José Piñeiro, que finalizou o concurso cun total de 11 puntos, participar neste programa foi máis que satisfactorio. Tanto que, segundo el mesmo sinalou, "animoume a cociñar e a montar un restaurante no hotel".
Relacionadas:
-
O Concello de Bueu recibe un debuxo de José Solla realizado polo artista Camilo Camaño
Por Redacción |
-
Clase maxistral sobre os mariscos máis descoñecidos das Rías Baixas ao estilo Masterchef
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
"En Pontevedra tenéis unas rías magníficas. El producto que dan es de lo mejor que hay"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Masterchef estrea nova tempada con Pepe Solla e unha 'masterclass' sobre a lamprea
Por Alejandro Espiño |