Convocan unha manifestación ante a decisión "caciquil" de permitir a continuidade de ELNOSA ata 2017
Por Redacción
O acordo asinado entre a Xunta de Galicia e Elnosa para que a empresa electroquímica poida quedar en Lourizá ata 2017 é unha mostra da "submisión do goberno galego aos intereses da empresa e unha ofensa que a cidadanía da comarca de Pontevedra non pode permitir". Así o asegura a Plataforma 2018, un colectivo integrado por unha trintena de colectivos sociais da cidade. E sairán á rúa para protestar contra esta prórroga.
Será o próximo 23 de novembro. Nela denunciarán que a permanencia de Elnosa na Ría mais alá do 7 de xaneiro do 2014, a data fixada inicialmente pola Xunta na Autorización Ambiental para o cese definitivo da sú actividade industrial, "non só vai supoñer o medre da contaminación por metais pesados das augas da Ría e dos recursos marisqueiros, senón tamén a comisión dun posible delito de prevaricación por parte da Xunta de Galicia".
Nun comunicado, a Plataforma 2018 sinala que "todo fai pensar que esta prórroga gratuíta de tres anos á fábrica de cloro non é máis que o primeiro paso para decretar a súa consolidación definitiva en Lourizán". Aseguran que, de non impedilo, o Partido Popular aplicará no seu día a nova Lei de Costas e concederá a Elnosa e a Ence unha prórroga de ata 75 anos "que impediría definitivamente a recuperación do dominio público e o saneamento e recuperación da nosa Ría para a explotación da pesca de baixura e o marisqueo".
Daquela, continúa, "verase danada mortalmente a calidade de vida e a economía da comarca", e a perda dos postos de traballo da Ría "será irreversible". De aí que fagan un chamamento a toda a cidadanía a apoiar "decididamente" esta primeira acción de resposta "fronte á imposición caciquil que ignora os dereitos da maioría social e impide o desenvolvemento racional da economía e a creación de emprego".
Ademais, a plataforma anuncia que se abre a todos aqueles colectivos sociais que teñan o seu ámbito de actuación nalgún dos concellos que conforman a Ría de Pontevedra, xa que o colectivo afirma que aspira "a ser un referente no traballo contra a consolidación do complexo Ence-Elnosa na nosa Ría". Entenden "absolutamente necesario" impedir decisións da administración que "como a que hoxe nos ocupa" conduzan á consolidación do complexo.
Relacionadas:
-
Agustín Hernández aos traballadores de Elnosa: "ÿ sorprendente que non carguen contra o goberno local"
Por Diego Espiño |
-
O persoal de Elnosa rexeita o acordo da empresa coa Xunta e anuncia protestas
Por Anxo Lourido |
-
ELNOSA abandonará a Ría de Pontevedra no 2017
Por Alejandro Espiño |
-
Nace a "Plataforma 2018" contra unha posible prórroga á actividade de ENCE na Ría
Por Oskar Viéitez |