Vilaboa asina o convenio coa Deputación para ampliar a Casa do Concello e renovar a súa contorna
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o alcalde de Vilaboa, César Poza, asinaron este mércores o convenio do Plan Reacciona Pontevedra ( ReacPon), co que a administración provincial achegará 462.000 euros dos 993.000 euros que o concello ten orzados para ampliar a Casa do concello e convertela "nun edificio funcional onde ofrecer un servizo público eficaz e eficiente á cidadanía".
Carmela Silva destacou que "hai grandes proxectos imposibles sen recursos extraordinarios para facer grandes investimentos" e neste caso, a través do ReacPon "damos resposta a esas necesidades, os concellos teñen que garantir igualdade de oportunidades e servizos de calidade".
"Parabéns, alcalde, porque as bases eran esixentes pero poderase poñer en marcha en tempo moi breve", felicitou a presidenta da Deputación a César Poza, "o proxecto de Vilaboa é potente, con moi bo criterio, en liña coa Agenda 2030", engadiu.
Pola súa banda César Poza destacou que "sen a Deputación este soño sería imposible" e explicou o seu obxectivo "queremos ser un referente, este proxecto está encamiñando a un espazo centralizado para a xente, tamén coa praza pública. Queremos encamiñalo aos colectivos para dinamizar socialmente a zona".
O Concello de Vilaboa proxecta a ampliación da Casa do concello coa construción dun novo edificio na mesma parcela situada no Toural e que nunha segunda fase prevé a conexión co edificio actual e a reforma integral do mesmo, así como a humanización e mellora dos viais de contorna e do espazo libre fronte ao Concello e a igrexa de San Martiño, na liña das actuacións promovidas pola Deputación de Pontevedra no Plan Ágora.
O proxecto inclúe a construción dun volume independente, destinado a acoller usos dotacionais como un salón de usos múltiples e unha sala polivalente complementaria para realizar actividades de formación, administrativas, reunións de persoal, etc., así como unha sala para arquivo municipal.
Situarase na zona oeste da mesma parcela municipal nunha superficie de 1.497 metros cadrados, entre a Casa do Concello e a parcela contigua á Igrexa de San Martiño avanzando na xeración dunha centralidade municipal no Toural, totalmente respectuosa coa contorna e que destaque o peto dás ánimas como elemento singular.
O novo edificio terá que acoller temporalmente ao persoal do Concello mentres se realizan, na segunda fase de actuación futura, as obras de reforma integral do inmoble actual.
Relacionadas:
-
O estudo Villanueva e Pierres Arquitectos gaña o concurso de ideas para humanizar a Praza do Toural
Por Redacción |
-
Millón e medio de euros para peonalizar a Praza do Regueiro na Illa de Arousa
Por Redacción |
-
A Deputación investiu no Morrazo máis de 48 millóns de euros nos últimos 6 anos
Por Oskar Viéitez |
-
Vilaboa ampliará a súa Casa Consistorial cun edificio anexo
Por Redacción |