A Ruta dos Carballos de Aldariz optará a ser sendero azul
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo presentará a Ruta dos Carballos de Aldariz á candidatura dos sendeiros azuis 2022.
O municipio que xa ostenta o liderado no número de sendeiros con esta certificación de España conta, na actualidade, con algo máis de 24 quilómetros con este distintivo. O obxectivo agora é sumar o seu primeiro roteiro polo interior, unha nova posibilidade que presenta a campaña da Adeac que ata o de agora só admitía roteiros que transcorresen por praias ou portos con bandeira azul.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, confía en obter este distintivo de calidade ambiental. "Agardamos que a Ruta dos Carballos de Aldariz poida sumarse as outras seis porque axudaría a promocionar a riqueza paisaxística e patrimonial do interior do municipio como sendeiro azul", asegura.
A Ruta dos Carballos de Aldariz discorre pola zona máis alta de Bordóns, partindo da parroquia de Padriñán, concretamente do lugar de Aldariz. Trátase dun roteiro circular de 6.300 metros e a duración media para percorrela é de hora e media cunha dificultade media, xa que a altitude mínima é de 72 metros e a máxima de 234 metros.
Os puntos de interese que atravesa este roteiro son a aldea de Aldariz, o Con da Ventureira, Chan da gorita, Carballeira de Leirana e o núcleo de Bordóns cos muíños de auga e a igrexa parroquial. Este sendeito conta con paneis informativos que dividen en dous partes o roteiro para dar a oportunidade de facela en dous tramos.
Sanxenxo inaugurou con catro roteiros a súa listaxe de senderos azules en 2017.
Foron o de Sanxenxo-Portonovo, que transcorre entre os dous núcleos e ten unha lonxitude de 8,61 quilómetros; o de Canelas-Punta Cabicastro, que vai desde o extremo máis oriental da praia ata os cantís e mide 3,35 quilómetros; o de Montalvo-Major, que une ambos os areais pola costa e ten unha lonxitude total de 6,45 quilómetros, e o carreiro máxico da Lanzada, que vai desde a praia de Foxos ata A Lapa e unha lonxitude de 3,03 quilómetros
En 2018 sumáronse dous novos, o sendeito litoral Areas-Punta Festiñanzo, entre Areas e o punto máis ao sur, Punta Festiñanzo, con 1,5 quilómetros de percorrido, e o de Paxariñas e Montalvo, que transcorre entre as dúas praias e ten unha lonxitude de 3,35 quilómetros.