Cinco empresas amosan interese na licitación do proxecto de remodelación do Liceo Casino
Por Redacción
Cinco empresas mostraron interese en remodelar o local do Liceo Casino de Marín para adaptar as actuais instalacións, que datan de 1993 e ocupan case 1.700 metros cadrados, para habilitar un centro de lecer xuvenil.
O soto será destinado ao arquivo municipal, que estará mellor catalogado e conservado, e contará cunha entrada única.
Nestes momentos, o proxecto está en proceso de licitación e as construtoras aspirantes acudiron este mércores ata as instalacións acompañados dos técnicos municipais.
A inversión total da remodelación, da que se beneficiará tanto a planta baixa como o soto do inmoble, é de 397.940 euros. Esta inversión realizarase con cargo ao remanente de tesourería.
Contará cunha zona de recepción propia xunto ás escaleiras existentes e prevese a instalación dun ascensor para facilitar tanto o acceso peonil como o traslado de cargas pesadas ao arquivo.
No que respecta á planta baixa, a día de hoxe existe unha distribución con usos como cafetaría, sala de baile, ximnasio e piscina.
Con este proxecto, readaptarase esa distribución para poder crear un amplo vestíbulo multiusos, unha sala de traballo e estudo, unha sala de informática e unha sala de xogos e descanso.
Cando remate a licitación, a mesa de contratación adxudicará a obra á oferta máis vantaxosa para despois poder iniciar a execución.
Relacionadas:
-
Marín rescindirá o contrato das obras do Liceo Casino por incumprimento da empresa
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto para remodelar o antigo Liceo Casino e convertelo nun centro de lecer xuvenil
Por Oskar Viéitez |
-
María Ramallo fixa os grandes retos de Marín para o próximo ano
Por Oskar Viéitez |
-
Marín presenta o proxecto do novo Centro de Ocio Xuvenil
Por Redacción |