O Tenis de Mesa Monte Porreiro, Vitoria Ogando e Anxo González, premios Cidade de Pontevedra 2021

Por Oskar Viéitez
Os premios Cidade de Pontevedra de 2021 xa teñen gañadores.
O xurado decidía este xoves 13 que os profesores xa xubilados Vitoria Ogando e Anxo González Guerra logran ex æquo o premio na categoría de persoa física. Doutra banda, o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro fai o propio na categoría de persoa xurídica.
Despois da reunión do xurado a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, compareceu diante dos medios para explicar os motivos deste acordo.
Carme Fouces sinalou a "felicidade e satisfacción" acadada grazas á unanimidade lograda á hora de escoller os galardoados desta edición.
"Foi unha situación amable, seguindo as bases destes premios, deseñados para que todas as persoas, asociacións, prensa e organizacións políticas poidan estar de acordo en algo tan importante como son estes premios, que representan a toda a cidade", explicou.
Fouces recoñeceu a importancia e valor de todos os nomeados nesta edición "moi potentes e que calquera de todas as candidaturas sería moi merecedora do Premio Cidade de Pontevedra, o que demostra o pulso social e o dinamismo que ten a Boa Vila".
O Club Tenis de Mesa Monte Porreiro foi o premiado na categoría de persoa xurídica, mais a concelleira de Cultura fixo fincapé na idea de que, se ben era a única candidatura para esta modalidade "que ninguén pense que se vota por exclusión ou porque non hai máis remedio".
Sinalou que o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro "é un enorme merecedor dos premios Cidade de Pontevedra porque o traballo que leva feito ao longo dos últimos anos, a súa proxección internacional lograda no último ano, e todo o que aportou ao deporte de base e competición xustifica a súa elección".
Na modalidade de persoa física, Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel logran o Premio Cidade de Pontevedra ex æquo. "Alén do consenso unánime que os leva a ser galardoados co premio, Anxo e Vitoria forman parte destra sociedade e cidade desde hai corenta anos, sempre amosando un esforzo enorme polo ensino e a mellora da nosa lingua como dá boa conta disto a plataforma ogalego.eu", sinalou Fouces.
As outras candidatas, Carmen Quinteiro e Nené, segúndo Fouces, "eran grandes merecedoras tamén do Premio Cidade de Pontevedra, mais este ano irá para Anxo e Vitoria".
Relacionadas:
-
Un mes para presentar candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Reivindicación da lingua e do deporte do tenis de mesa nos Premios Cidade de Pontevedra 2021
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
RADIO.- Un 20 de xaneiro para reivindicar a práctica do tenis de mesa e o traballo dos profesores
Por Redacción |
-
O TM Monte Porreiro cede un empate en San Sebastián de los Reyes tras un duelo de infarto (3-3)
Por Redacción |
-
O Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, Carmen Quinteiro, Nené, Anxo González Guerra e Vitoria Ogando optan aos Cidade de Pontevedra
Por Redacción |