Que ningún funcionario se sinta seguro
Por Oskar Viéitez
"Que ningún funcionario se sinta seguro", foi a alarmante mensaxe que trasladou o sindicato Comisións Obreiras aos empregados públicos pontevedreses.
Na comarca de Pontevedra son un total de 14.130 traballadores, entre funcionarios e laborais, os que están afectados polo real decreto lei publicado este martes no Boletín Oficial do Estado que recolle o novo reglamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e de redución de xornada.
Os entes, organismos e entidades do sector público que estean en situación de déficit ou cuxos orzamentos se reduzan un 5% no exercicio corrente ou nun 7% nos dous exercicios anteriores poderán aplicar despedimentos colectivos entre o seu persoal laboral.
Esta medida desastrosa segundo explicou o portavoz de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, ten un "grandísimo impacto" nos concellos e na deputación onde a porcentaxe de persoal laboral alcanza o 68% fronte á Administración Central ou a Xunta onde os laborais supoñen un 26% do persoal.
De acordo co texto, os funcionarios quedan excluídos dos despedimentos colectivos, mentres que o persoal laboral fixo que adquirise esa condición a través dun proceso terán prioridad de permanencia para seguir no seu posto.
Con todo o secretario comarcal de CC.OO., José Luís García Pedrosa advirte aos traballadores públicos que "iso da estabilidade que se vaian esquecendo porque agora ninguén está seguro".
Desde Comisións Obreiras convocarán a todo o persoal laboral das administracións públicas para unha asemblea que se celebrará o sábado 10 de novembro, ás once da mañá, no salón de actos do edificio dos sindicatos en Pontevedra.