A CIG mobilizarase polas rúas de Pontevedra en defensa do emprego na automoción
Por Redacción
A federación de Industria da CIG desenvolverá unha mobilización en Pontevedra este martes 18 de xaneiro ás 11:30 horas en defensa do emprego na automoción. Previamente terá lugar unha asemblea de delegados para analizar a situación actual do sector e abordar os principais retos de futuro que deberá enfrontar a industria galega do automóbil.
O encontro de representantes sindicais terá lugar no salón de actos do local sindical, na rúa Pasantería, a partir das 10:00 horas. A continuación celebrarase unha marcha dende a praza da Ferrería até a Subdelegación do Goberno "para reclamar medidas que impiden que sexa a clase traballadora a que unha vez máis pague a crise derivada da dixitalización dos procesos produtivos, da descarbonización da economía e do proceso de transición enerxética".
A esta situación a CIG lembra que hai que sumarlle a problemática que está a provocar a falta de semicondutores, a deslocalización de empresas ou a subcontratación a compañías multiservizos, centros especiais de emprego e ETT "con salarios de miseria, xornadas desreguladas que impiden conciliar a vida laboral e familiar e abuso de horas extras e da contratación eventual".
Dende a central sindical denuncian que "a aplicación das reformas laborais de PP e do PSOE nos ERTE fan deste sector estratéxico da nosa economía un polvorín pola falta de compromiso dos Gobernos galego e do Estado"