Adxudican á empresa Faro a limpeza dos edificios municipais
Por Redacción
O servizo de limpeza de edificios e instalacións dependentes do Concello de Marín está adxudicado á empresa Limpiezas Faro.
O pleno da corporación deu luz verde por unanimidade á adxudicación definitiva do novo contrato despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL) trasladase que a empresa se axusta ás esixencias da contratación.
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explicou no pasado pleno que, "sendo rigorosos cos informes técnicos, a mesa de contratación acordou a exclusión da oferta de Limpiezas Faro porque considerábamos que a baixa que presentaban era desproporcionada ou anormalmente baixa".
Sen embargo, o TACGAL si aceptou a oferta da empresa, "polo que se revocou a súa exclusión e adxudicóuselle o contrato".
Ademais, destacou a complexidade do prego porque o custe do servizo "incrementouse moito, debido á inclusión de novos espazos municipais que antes non estaban".
Entre eles se encontran as Galiñas Azuis de Seixo e San Pedro, a EEI O Grupo, as ampliacións en instalacións municipais (e a súa limpeza nas fins de semana), a Biblioteca, a Policía Local e os vestiarios, o Espazo de Emprendemento de Innovación Alimentaria do Parque Azul, o local social de Juan XXIII, a SACOA ou os novos comedores escolares.
Tamén se incluíu o aumento da frecuencia de limpezas nos centros educativos ou o aumento de consumibles para o lavado de mans, así como a actualización dos salarios aos novos convenios laborais.
A adxudicación a realizaron por 695.508 euros o ano durante catro anos.