O Museo Massó incorporará todas as naves da antiga conserveira
Por Redacción
Ata 1,1 millóns de euros ten previsto investir a Xunta de Galicia nun proxecto destinado a incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro dos irmáns Massó no funcionamento do museo que leva o seu nome.
Será unha actuación que, segundo destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, supoñerá un "punto de inflexión" na historia deste museo mariñeiro, ao dotalo dunha maior funcionalidade e dos espazos suficientes para "poñer en valor" os seus fondos.
Os traballos centraranse en ampliar o acondicionamento da coñecida como Sala Lugrís, para integrala na exposición permanente do museo.
Esta iniciativa permitirá mostrar aos público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan preto de 300 metros lineais.
Ademais, a rehabilitación prevista inclúe tamén a mellora dos pavimentos e estruturas verticais, a consolidación de muros estruturais e forxados de pisos e actuarase tamén sobre acabados, instalacións, sistemas de illamento e acondicionamento ambiental.
Outra das áreas sobre as que se vai a actuar é o tramo sur da nave da antiga conserveira, integrado na exposición permanente desde 2011 para mostrar as embarcacións e a actividade portuaria.
Nela, farase unha rehabilitación integral, respectando os seus valores culturais e garantindo a sustentabilidade, eficiencia e funcionalidade, segundo explicou o conselleiro, que avanzou que a tramitación desta rehabilitación comezará nunhas semanas.
O proxecto complétase coa rehabilitación da antiga nave de atadores, que se destinará a almacén para as coleccións do museo, e a recuperación da antiga nave da conserveira como espazo único, coa demolición dos tabiques interiores.
A maiores, a Xunta prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.
Relacionadas:
-
O Museo Massó abre os seus fondos de cartografía marítima histórica
Por Redacción |
-
Comeza o proceso administrativo para acometer as obras de conservación do Museo Massó
Por Redacción |
-
O Concello de Bueu insta á Xunta a que amplíe as instalacións do Museo Massó
Por Redacción |
-
Os restos atopados na escavación da Pescadoira serán musealizados nun novo Centro de Interpretación
Por Redacción |
-
Un mural para lembrar a estadía de Maruja Mallo en Beluso no ano 1936
Por Redacción |