Samuel Lago xa é o novo alcalde de Cambados
Por Alejandro Espiño
Sen sorpresas, e tal como estaba previsto, o socialista Samuel Lago converteuse este sábado no novo alcalde de Cambados. Logrou o apoio de nove dos dezasete edís da corporación. Substitúe a Fátima Abal, que renunciou ao seu cargo por motivos de saúde.
Lago, ademais dos votos do seu grupo, foi apoiado polos dous concelleiros do BNG e os dous concelleiros de Somos Cambados, mentres que PP e Cambados Pode votaron en contra.
No pleno extraordinario celebrado este mediodía, o xa alcalde asegurou que afronta "con ilusión" esta nova etapa e "con moitas ganas de facer o mellor para os veciños", algo que fai, segundo sinalou, "motivado e, honestamente, considero que tamén preparado".
Durante o seu discurso de investidura, Samuel Lago comprometeuse a traballar "de maneira incansable" para "conseguir grandes metas" e gobernar o municipio, "escoitando a todo o mundo que teña algo que dicirme e axudando a quen o precise".
"Sempre coa máxima honestidade, humildade e diálogo", engadiu o novo alcalde que subliñou que o seu novo goberno, no que a propia Fátima Abal continuará como edil, será "progresista, galeguista e feminista", así como tamén "transparente, social e sostible".
O recentemente elixido rexedor avanzou que, entre os proxectos que priorizará durante esta etapa, estarán a nova da praza de abastos, o novo cuartel da Garda Civil ou a renovación de toda a fachada litoral da vila.
Ademais, defendeu que o seu executivo "concentrará esforzos" para dotar a toda a poboación dos servizos "máis básicos e elementais", para reformar instalacións deportivas ou parques e para rehabilitar prazas públicas como Fefiñáns, San Gregorio ou A Xuventude.
Lago prometeu recuperar a "grandiosidade" da Festa do Albariño, potenciar as políticas de igualdade ou apoiar aos sectores produtivos que son "locomotoras" do municipio como o turismo, a viticultura, a horticultura, a pesca, a acuicultura ou a conserva.
Espera que, para iso, o seu goberno conte coa colaboración doutras administracións, coas que impulsar o desenvolvemento de proxectos estratéxicos e a captación de fondos europeos.
Relacionadas:
-
O voto de Cambados Pode, decisivo para que o socialista Samuel Lago goberne en Cambados
Por Almu Dapena |
-
González Formoso avala a Samuel Lago como cartel electoral do PSdeG-PSOE en Cambados
Por Redacción |
-
Fátima Abal dimite por motivos de saúde e Samuel Lago converterase en alcalde de Cambados
Por Redacción |