Tráfico e as policías locais vixiarán esta semana o transporte escolar en Galicia
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico coordinará desde este luns ata o venres 21 unha campaña especial de control do transporte escolar. Xunto cos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e as policías locais, comprobarán que autobuses e condutores cumpran coa normativa establecida para este tipo de transporte.
Esta campaña ten especial transcendencia en Galicia ao tratarse da comunidade española na que máis roteiros públicos e contratados existen, indican dende a DXT. De feito, segundo os datos das autoridades educativas, en cada curso académico usan este servizo máis de 95.000 estudantes de preto de 900 centros educativos públicos, concertados e privados.
Deste xeito, e aínda que a vixilancia é permanente, durante esta semana intensificarán os controis preventivos cos que darán inicio á primeira campaña de vixiancia especial do ano.
Máis concretamente, realizarán controis administrativos sobre as autorizacións e documentos dos vehículos, verificarán que condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa ou que o condutor cumpra co permiso de condución e cos tempos de descanso.
O obxectivo da DXT con esta iniciativa é concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte xa que, de acordo coas estadísticas facilitadas, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos e, en moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor ou dos acompañantes.
CAMPAÑA DO MES DE DECEMBRO
No mes de decembro do 2021 a DXT controlou en Galicia un total de 374 autobuses e formularon 337 denuncias a 166 vehículos.
As irregularidades que maior denuncias xeraron foron as administrativas, como non ter autorización especial para realizar transporte escolar (141 denuncias).
Séguenlle as irregularidades co seguro de responsabilidade limitada (52 sancións), a ausencia do correspondente sinal V-10 no transporte (7 vehículos) e irregularidades nas portas de emerxencia e servizo (23 autobuses).
Relacionadas:
-
A sinistralidade redúcese nas vías de Pontevedra, que se cobraron 21 vidas en 2021
Por Natalia Puga |
-
Tráfico inicia unha campaña de prevención de atropelos nas estradas da provincia
Por Redacción |
-
A Policía Local da Illa detecta en seis días a 29 condutores usando o móbil ao volante
Por Redacción |