Lores cualifica de "esaxerada" e "tremendista" a visión do PP sobre o estado do Mercado de Abastos e Monte Porreiro
Por Anxo Lourido
O xoves 20 de xaneiro celebraranse dous plenos no Teatro Principal de Pontevedra. Ás 13.00 horas desenvolverase o pleno de honra coa entrega dos premios Cidade de Pontevedra aos educadores Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e ao Club Tenis de Mesa Monte Porreiro.
Dúas horas antes está prevista unha sesión na que se debaterán dúas mocións presentadas polo Partido Popular e ás que se referiu este luns o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
A primeira fai referencia á petición dos populares dunha reforma e mellora do Mercado de Abastos. O rexedor sinalou que o goberno local realizou nesta instalación unha dos investimentos máis potentes dos últimos anos e advertiu que se segue traballando e investindo economicamente neste espazo. Fixo referencia aos fondos Edusi que se destinan á mellora da planta superior con programación de actividades de dinamización. A moción "é bastante esaxerada", afirmou Fernández Lores durante a comparecencia.
Tamén se referiu á outra proposta dos populares na que reclaman unha partida orzamentaria dun millón de euros para investir un proxecto de humanización no barrio de Monte Porreiro. O alcalde quixo lembrar que o investimento por unha cifra superior a esta cantidade solicitada polo PP xa se atopa recollida no orzamento e foi aprobada unha modificación de crédito para este fin realizada en 2021.
"Non compartimos esa visión tremendista do Partido Popular respecto a que non se inviste ou que o barrio está abandonado", alegou o máximo representante municipal, explicando que nos últimos anos investíronse ao redor de 20 millóns de euros nesta zona urbana.
Ademais lembrou que se traballa na reparación de rúas; na execución do convenio coa UNED para a apertura dos xardíns situados nas súas instalacións; no pavillón polideportivo; e nun proxecto europeo de rehabilitación integral do barrio que inclúe actuacións no espazo público e nas vivendas.
Sinalou que se estudará un novo proxecto para a proposta de reforma que foi rexeitada pola veciñanza e expuxo que é unha zona en crecemento e que necesita seguir coas melloras. "Fixemos unha inversión continuada e que vamos a seguir porque é a nosa norma", asegurou Lores referíndose ás actuacións na Casa da Cultura, campo de fútbol de herba sintética, praia fluvial ou o acceso aos Campos.
Relacionadas:
-
Domínguez mantén que o goberno local castiga a Monte Porreiro "por non comungar con Lores"
Por Redacción |
-
Tino Fernández califica de "tacaña" a proposta do PP para Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O Concello programa diversos asfaltados en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A Praza da Leña volverá denominarse Eirado da Leña
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Esixen unha reforma integral do Mercado ante as súas "manifiestas deficiencias"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez solicitará un millón de euros para humanizar Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |