Detido un mozo de 21 anos cun amplo historial de malos tratos aos seus avós
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio detivo esta fin de semana un mozo veciño do municipio cun amplo historial de malos tratos no que as vítimas son os seus avós.
O mozo, de 21 anos, xa ten antecedentes por polo menos cinco episodios de malos tratos e ten en vigor unha orde de afastamento que lle impide achegarse aos seus avós. Con todo, o sábado, día 15 de xaneiro, supostamente incumpriu esa prohibición e volveu agredilos.
O sábado, o mozo volveu ser detido por un delito de violencia no ámbito familiar e este luns foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
Fontes oficiais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que o xulgado determinou a súa posta en liberdade en calidade de investigado. O asunto xudicial aberto por estes feitos acumúlase a outro existente noutro xulgado pontevedrés por feitos similares.
Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron o sábado sobre as 19.20 horas. Os axentes tiveron coñecemento do ocorrido a través dunha chamada realizada ao 112 e desprazáronse ao lugar. Unha vez alí, comprobaron que os avós tiñan lesións e eran vítimas duns malos tratos habituais e procederon á súa detención.