Comeza a creación dun itinerario peonil pola estrada de Noalla á praia da Lanzada
Por Oskar Viéitez
Camiñar entre o núcleo de Noalla e a praia da Lanzada será unha actividade moito máis segura este verán gracias ás obras de transformación da estrada provincial EP-9212 que a Deputación vén de poñer en marcha. A actuación, cun orzamento de execución de 771.980 euros, conta cun prazo de execución estimado en seis meses.
Os deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o de Cooperación, Santos Héctor, visitaron a zona acompañados da tenente de alcalde, María Deza.
As obras son froito do convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo. A institución provincial asume o 70% da actuación e o Concello corre co 30% restante, dado que trátase dunha obra que inclúe servizos municipais. A achega municipal finánciase a través do Plan Concellos da propia Deputación.
Actuarase en 1.224 metros dende a zona da igrexa de Santo Estevo ata o acceso á praia da Lanzada, conectando coas beirarrúas existentes na estrada autonómica.
O proxecto divide a estrada en sete tramos diferenciados e vaise adaptándose ás necesidades de cada un deles. Baséase na execución dunha senda peonil de tres metros de ancho ao longo da marxe dereita da estrada, que se ve reforzada nos tres ámbitos con maior densidade poboacional e con edificacións apegadas, onde non é posible gañar anchura, coa habilitación de tres plataformas elevadas de convivencia nas que as persoas que camiñan terán prioridade sobre os vehículos.
A obra inclúe tamén o reforzo do actual pavimento asfáltico da estrada e a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.
Relacionadas:
-
A Deputación e o Concello de Sanxenxo construirán outra senda peonil desde a igrexa de Noalla ata o vello cuartel
Por Oskar Viéitez |
-
Noalla estreará a senda peonil cara a praia da Lanzada antes do próximo verán
Por Redacción |
-
Impulsan unha senda peonil entre Noalla e A Lanzada co Pazo de Quintáns como eixo
Por Redacción |