A teoría do Colón galego levará un roteiro literario de Rodrigo Costoya a Poio
Por Redacción
O sábado 29 de xaneiro a Casa Museo de Colón converterase en protagonista dun roterio literario no que participarán, entre outros, responsables da Asociación Galicia Histórica e o escritor Rodrigo Costoya, autor do libro Portosanto: el enigma de Colón.
A iniciativa forma parte do ciclo de roteiros literarios organizados pola Xunta de Galicia, e, neste caso, servirá para poñer en valor e difundir a teoría do Colón Galego, así como para poñer en valor e achegar coñecementos sobre as dependencias situadas no lugar de Portosanto, na parroquia de San Salvador, nas que se pode atopar abundante documentación e información sobre esta teoría.
Esta cita partirá de Poio e as persoas que participen terán ocasión de coñecer curiosidades e segredos sobre a orixe de Colón. Posteriormente, o roteiro trasladarase a outros lugares como Pontevedra, Soutomaior ou Baiona, emprazamentos que tamén están moi vencellados á figura de Cristóbal Colón.
Tamén a Casa das Campás de Pontevedra acollerá este martes, ás 20.00 horas, un faladoiro sobre as orixes de Colón, no que participarán Rodrigo Costoya, o escritor Ángel Carracela e o presidente e fundador da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín.
Rodrigo Costoya Santos e o colectivo Galicia Histórica son algunhas das figuras que máis defenden a teoría da orixe galega do navegante.