Un cento de persoas acadan vales de 50 euros por apostar pola economía local
Por Redacción
Aquelas persoas que realizaron un gasto dun mínimo de 30 euros no comercio local de Marín durante estas festas do Nadal tiñan a oportunidade de participar no sorteo celebrado este luns no salón de plenos do Concello de Marín.
Os concelleiros Marián Sanmartín, Cristina Acuña e Hugo González realizaron o sorteo entre as papeletas que se depositaron no recipiente situado na Oficina de Turismo da Praza de España. Entre todas escolléronse cen tarxetas regalo por valor de cincuenta euros.
As persoas gañadoras serán citadas por teléfono para que recollan as tarxetas regalo na mesma sede da Oficina de Turismo durante os días 20 e 21 de xaneiro, en horario de 10.00 a 20.00 horas. Deberán presentar o DNI da persoa gañadora.
O prazo para trocar estes vales nos establecementos locais finalizará o 31 de marzo.
Esta iniciativa promovida polo Concello de Marín tiña como obxectivo apoiar ao comercio local nestes anos marcados pola pandemia, que provocaron un cambio nos hábitos de consumo.