Suspendido o xuízo por trata de mulleres contra os donos dun club de Meis ante a falta dunha testemuña de cargo
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra suspendeu o xuízo contra os donos dun club de Meis ante a falta dunha testemuña de cargo. Están acusados de trata de seres humanos, por obrigar a varias mulleres a prostituírse no seu establecemento.
A Fiscalía e a acusación particular solicitaron a suspensión xa que non foi posible localizar a esta muller, nin tampouco ten coñecemento de onde se atopa esta testemuña fundamental para a causa. A vista oral non puido comezar.
A maxistrada que preside o tribunal indicou que a Interpol (Organización Internacional de Policía Criminal) tampouco ten noticias do paradoiro desta persoa.
O tribunal acordou a suspensión pero non fixou un novo sinalamento ante a falta de garantías para localizar a esta testemuña, que non se atopa representada legalmente nesta causa.
A Fiscalía solicita unha condena de 23 anos de cárcere para o administrador da sociedade que explotaba o club Pigalle, situado en Meis, un home de nacionalidade brasileira; e 22 anos de cárcere para a muller de orixe romanesa que, en 2018, dirixíao xunto a el.
A ambos, acúsaselles de tres delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, un delito de favorecemento da inmigración clandestina con ánimo de lucro e tres delitos de prostitución coactiva. A el, ademais, achácaselle un delito de agresión sexual.
No escrito de acusación, a fiscal asegura que os dous acusados, de acordo con varias persoas que residían en Venezuela, captaban mulleres dese país e, aproveitándose dos seus problemas económicos, facíanas viaxar a España para exercer a prostitución no club.
Así, entre marzo e abril de 2018, contactaron con tres mulleres, todas elas con cargas familiares e problemas económicos, ás que -salvo a unha- ocultáronlles que ían ser explotadas como prostitutas, facéndoas crer que serían contratadas como camareiras.
Pero unha vez no club, as tres foron sometidas a un verdadeiro réxime de escravitude, obrigándoas ademais a asumir o custo das súas viaxes a España. Todo o diñeiro que gañaban, ata saldar esa débeda, quedábanllo os responsables do club.
Ademais, segundo reitera o fiscal, obrigábanlles a traballar xornadas de ata doce horas, sen apenas días de descanso, e cobrábanlles a maiores diñeiro en concepto de manutención e aloxamento ou lles poñían "multas" se non traballaban por enfermidade ou saían do local.
As tres mulleres, unha delas con 18 anos recentemente cumpridos, padeceron tamén reiteradas ameazas para que non se marchasen do club e, polo menos una das tres, sufriu un intento de violación por parte do administrador do establecemento.
Axentes da Garda Civil liberaron ás tres vítimas en xullo de 2018 tras unha inspección realizada no club. O fiscal reclama unha indemnización de máis de 33.000 euros para elas.
Xunto coa pena de cárcere e estas indemnizacións, a Fiscalía solicita ao tribunal que se lles impoñan ordes de afastamento aos dous acusados e que, tras a súa saída de prisión, pasen outros quince anos en liberdade vixiada.
Relacionadas:
-
Un caderno que recollía o día a día do Club Pigalle, clave nun xuízo por prostitución coactiva e agresión sexual
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia retoma o xuízo por trata de mulleres contra os donos dun club de Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Os donos dun club de Meis, a xuízo por trata de mulleres e agresión sexual
Por Redacción |