Anuncian próximas visitas guiadas a Santa Clara e a apertura da igrexa para actos culturais
Por María José Pita
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, anunciou que o Concello de Pontevedra reanudará as visitas guiadas ao convento de Santa Clara nos meses de febreiro e marzo.
Nesta nova convocatoria gratuíta ao público poderase visitar tanto a zona verde exterior como algúns espazos interiores: a igrexa, a zona dos locutorios, a sala capitular e o comedor-refectorio.
A diferenza das visitas que se realizaron durante o Nadal, para as próximas haberá que inscribirse previamente na páxina oficial santaclarapontevedra.gal. Cada particular que entre nesta web só poderá reservar un máximo de dúas prazas e o formulario de inscripción estará activado a partir das 17:00 horas deste venres 21 de xaneiro.
As visitas estarán estruturadas en grupos de 20 persoas, con 4 quendas por día e sempre durante as fins de semana. O grupo irá acompañado dun guía, que relatará a historia e curiosidades do convento e a contorna, e dun asistente.
Non se repartirá ningún tipo de material de apoio nin as bolsas que se distribuíron en anteriores citas.
DATAS E HORARIOS DAS VISITAS GUIADAS
Os sábados e domingos de febreiro e marzo están programadas 4 visitas por xornada ás 11:00, 12:30, 16:00 e 17:30 horas.
As datas previstas para estas visitas guiadas no mes de febreiro son os días 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27.
No mes de marzo realizaranse visitas guiadas os días 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27
NOVOS USOS PARA A IGREXA
O concelleiro de Patrimonio Histórico tamén informou de que os técnicos municipais están facendo unha revisión da igrexa de Santa Clara para que en breve poida acoller actos culturais. Xaquín Moreda non se aventurou a dar unha data pero, se non hai ningunha incidencia, a intención do Concello de Pontevedra é que xa no mes de febreiro se poidan desenvolver as primeiras actividades, que poderían ser charlas ou concertos.
Neste sentido apuntou que a igrexa se atopa en moi boas condicións para o seu uso inmediato. Só resta que os técnicos municipais rematen a revisión da instalación eléctrica e de calefacción, imprescindibles para a celebración de actos nos meses de inverno. Así mesmo, estanse a buscar solucións para mellorar a accesibilidade dende o exterior, pola rúa Santa Clara, no que respecta ás escaleiras de entrada ao antigo templo.
EDIFICIO ANEXO
Por úttimo, Xaquín Moreda sinalou o punto no que atopan as negociacións co Arcebispado de Santiago para a adquisición do edificio que linda parede con parede co convento e que nestes momentos ocupa a sede en Pontevedra das Obras Misionales Pontificias.
Tras a carta enviada polo Concello ao Arcebispado de momento non hai máis avances, unha situación que o concelleiro enmarca dentro da normalidade, xa que foi unha primeira toma de contacto e de declaración de intencións.
A culminación da compra deste edificio anexo facilitaría o acceso directo dos cidadáns á ampla zona verde exterior do convento. O bosque e a pequena capela que alí se atopa serían os espazos que se prevén abrir ao público nun futuro próximo.
De ser viable a adquisición do edificio de Obras Misionales Pontificias, esta sería a principal entrada para o espazo verde, á espera de que se poida realizar unha actuación sobre algún dos muros do perímetro e que, polas súas características patrimoniais, requiren un estudo en profundidade.
Relacionadas:
-
Comezan as primeiras visitas guiadas ao interior do Convento de Santa Clara
Por Redacción |
-
Unha conferencia sobre a Placemaking Week, primeiro evento público en Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
En 30 minutos quedan esgotadas as reservas para as novas visitas guiadas a Santa Clara
Por Redacción |
-
Pontevedra e Santa Clara, máis unidos que nunca
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá as xornadas de portas abertas "que fagan falta" para visitar Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 7.000 pontevedreses visitaron os xardíns de Santa Clara durante a primeira fin de semana de portas abertas
Por Redacción |
-
Os pontevedreses lánzanse a coñecer Santa Clara: "Estou alucinando"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Santa Clara reencóntrase coa súa veciñanza
Por Manu Otero & Mónica Patxot |