As mariscadoras da Ría volven extraer ameixa tras máis de tres semanas de paro forzoso
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As mariscadoras do fondo da ría de Pontevedra volveron extraer ameixa despois de que a campaña se suspendese o pasado día 9 de outubro ao detectarse niveis excesivos de toxina lipofílica, coñecida como marea vermella.
Ás oito e media da mañá empezaban nos Praceres unhas 150 mulleres da confraría de Lourizán na zona 7 e media hora máis tarde, ás nove, unhas duascentas mariscadoras da confraría de San Telmo, na zona A1 das praias do Ameixal, en Lourido.
Despois do paro forzoso de tres semanas a area estaba dura, houbo que esforzarse para extraer o molusco, "polo menos o temporal limpou bastante de algas". As difíciles condicións meteorolóxicas, con chuvia e forte vento, impediron a algunhas mariscadoras completar os cupos de capturas.
As cotas estaban marcadas en dez quilos de xapónica e un de fina. "O berberecho non se traballou porque non compensa" xa que os prezos están excesivamente baixos.
"Dende que abriron Noia vai moi barato entón estamos a reservalo para Nadal", explica, Marina Buceta presidenta do colectivo das mariscadoras da pé da confraría de San Telmo. Este mes terán once días de faena, pero "non todo son de zonas boas, tamén temos tres ou catro días que imos só á japónica, imos tamén a zonas altas para non deixalas sen cavar".
Marina Buceta apunta que novembro é un mes de transición, "antes do Nadal a xente reservase un pouco e non compra nada, garda para despois durante ás festas. Aí temos postas ás nosas esperanzas".
DATOS DE VENDAS
Tras o traballo matinal, a ameixa chegou á lonxa de Campelo con resultados que as mariscadoras consideran aceptables. Os 94 quilos de ameixa fina que vendeu a confraría de Lourizán chegaron a alcanzar os 23,90 euros o quilo, fronte aos 28,90 que marcou de máximo o produto achegado por San Telmo e Raxó, que chegaron con 256 e 50,1 quilos respectivamente. Pola súa banda, a ameixa xapónica oscilou entre os 4 e os 5,75 euros o quilo. Recolléronse en total uns 3.500 quilos entre as tres confrarías.