O núcleo de Moraña reformarase co Plan ReacPon da Deputación
Por Oskar Viéitez
"O ReacPon é unha oportunidade para poder facer realidade a mellora do núcleo de Moraña", asegurou o alcalde José Cela este martes na sinatura do convenio coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva para a recuperación do espazo público para as persoas nun tramo da rúa 6 e no camiño ao núcleo rural de Mos.
Esta actuación, que apostará pola eficiencia enerxética, a accesibilidade e a mobilidade amable, será posible a través dun investimento de 196.109 euros dos cales a Deputación achega 176.498 no marco do plan ReacPon.
A presidenta Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque a Deputación poida ser quen impulse "esta transformación que a veciñanza desexa e lidera o Concello".
José Cela explicou que esta reforma sitúase "nun lugar moi concorrido, a carón dun espazo como é o multiusos, acondicionado con outra subvención da Deputación, e preto do espazo onde se celebra a feira e a Festa do Carneiro ao Espeto".
Tamén adiantou que a esta actuación "váiselle dar continuidade con outro proxecto, para unir este espazo coa rúa 1 en dirección a Cuntis, o que permitirá converter ao núcleo nun lugar de referencia, nun espazo moi atractivo para que a xente o visite".
O proxecto suporá remodelar a principal vía de articulación e conexión entre a zona sur e norte do centro urbano e entre os dous polígonos industriais, así como a unión entre Santa Lucía e os núcleos de Mos e As Casiñas.
Trátase dun tramo de 270 metros con moita actividade, moi transitado e cun deseño actual inseguro, cun pavimento moi deteriorado e que non favorece a vida social, nin a comunicación.
A través da actuación mellorarase o espazo urbano para convertelo nun lugar máis seguro para as persoas.
Eliminaranse as barreiras arquitectónicas para dotar á zona de maior accesibilidade e recuperarase o espazo para o tránsito peonil con plataformas únicas que darán prioridade ás persoas e facilitarán a actividade comercial.
Tamén se creará unha senda peonil cara o núcleo rural de Mos e novo sistema de abastecemento de auga, saneamento de residuais e pluviais e iluminación eficiente.