Rafa Domínguez, portavoz do PP de Pontevedra: "Son moi pesimista co futuro de ENCE en Pontevedra"

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular e portavoz da oposición municipal, expresaba este mércores a súa preocupación ante as manifestacións realizadas por Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica, nas que citaba a Cerceda e As Pontes como posibles localizacións para instalar a fábrica pasteira de Ence ao tratarse de espazos con terreos industriais.
Segundo o representante popular "alguén do PSOE e do goberno local enganou aos pontevedreses e aos traballadores", facendo referencia a que se trasladou a mensaxe de que se podían estudar alternativas para unha nova localización da fábrica na comarca.
"Eu non quero que os traballadores e familias marchen", expresou Rafa Domínguez, comparando a situación á que se enfronta o persoal de Ence coa que sufriron anteriormente os de Elnosa cando se pechou a súa factoría en Lourizán. O portavoz do PP expresou que "emigrar ten que ser moi triste" e no caso de Ence, alegou, afectaría a 400 familias.
Tamén indica que Teresa Ribera "en ningún momento fala de problemas de contaminación de Ence" para o seu traslado. "O mantra de que contamina queda fóra", argumentou para preguntarse: "por que ten que irse de Pontevedra? Dáme moita tristeza".
Insistiu na opción de que os terreos que actualmente ocupa a fábrica en Lourizán se adscriban ao Porto de Marín e demanda ao Goberno Central un informe "por escrito" no que expoña a súa posición respecto a esta alternativa, referendada polo Consello Consultivo de Galicia.
Expuxo que se a fábrica de Ence pecha e as familias ven obrigadas a trasladarse ás Pontes, a Cerceda ou a Navia, "sempre perde Pontevedra" e, neste sentido, explicou que calquera opción que supoña o traslado da empresa fóra de Pontevedra "veña de quen veña" contará coa oposición do Partido Popular de Pontevedra. Domínguez aclarou que esa oposición será mesmo contra o seu propio partido no caso de que se manifeste a favor dun cambio de localización de Ence.
Nos últimos días, tanto Alberto Núñez Feijóo como Alfonso Rueda, presidente e vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, tamén manifestaron o seu desacordo co Goberno central e a súa aposta pola adscrición dos terreos por parte da Autoridade Portuaria de Marín.
"Para Pontevedra é igual de malo que Ence peche ou que se vaia ás Pontes. É igual de malo. Eu son moi pesimista co futuro de Ence en Pontevedra", expuxo Rafa Domínguez engadindo que esa posibilidade se convertiría nun "drama" para Pontevedra e para as familias afectadas.
Durante este mes de xaneiro, a fábrica pasteira situada na ría de Pontevedra atópase na súa parada técnica anual que, segundo a empresa, vai prolongarse ata o 25 deste mes.
Relacionadas:
-
Domínguez censura que ENCE paralizara o seu plan social: "Han roto su compromiso"
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda, sobre un posible traslado de Ence a As Pontes: "Non parece lóxico vestir un santo a costa de desvestir outro"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Galicia en Común acusa no Congreso á Xunta de tramitar licenzas de obra a Ence malia as sentenzas que anulan a prórroga
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A APDR pide a dimisión do presidente do Consello Consultivo se non "desminte" a "manipulación" do informe sobre os terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rueda non ve "xusto" que o Goberno "abandone" a idea de manter ENCE en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo insiste en adscribir ENCE ao porto de Marín e o Goberno apunta a As Pontes ou Cerceda
Por Alejandro Espiño |
-
A fábrica de ENCE iniciará o vindeiro luns a súa parada técnica anual
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno busca terreos para trasladar ENCE e pide "implicación" aos concellos interesados
Por Alejandro Espiño |