Operativo policial especial para localizar un home que asaltou un negocio en Vilanova a punta de pistola
Por Natalia Puga
A Garda Civil estableceu un operativo especial de procura apoiado por un helicóptero para localizar a un sospeitoso que este mércores asaltou a punta de pistola unha tenda de Vilanova de Arousa.
Segundo confirmaron fontes oficiais da Garda Civil, o asalto produciuse sobre as 10.10 horas e, desde que recibiron o aviso, comezouse a buscar ao sospeitoso. Ademais de establecer controis por terra, tamén recibiron o apoio do helicóptero do servizo aéreo do Corpo.
O sospeitoso entrou na tenda de roupa infantil Carpe Diem Kids da rúa Augusto González Besada co rostro semi cuberto cun suadoiro con carapucha e portando unha pistola aparentemente real, aínda que aínda non se puido determinar.
A punta de pistola, obrigou á muller que estaba a atender a tenda nese momento para que lle entregase toda a recadación que había na caixa, que aínda non era moi elevada a esa hora dado que o local levaba aberto pouco tempo.
A continuación, fuxiu a pé e a vítima alertou ás Forzas de Seguridade.