Acordo entre David Regades e Paloma Castro para unha candidatura única ao congreso do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
David Regades e Paloma Castro, os dous candidatos ás primarias á secretaría xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra, alcanzaron un acordo para chegar ao congreso provincial previsto en febreiro cunha candidatura única.
Regades, que era o líder actual dos socialistas pontevedreses, manterase catro anos máis á fronte da secretaría do partido na provincia, segundo recolle o pacto entre ambos.
"O acordo foi sinxelo porque todos somos compañeiros e compartimos a visión do mundo e a paixón polo socialismo que representan as nosas siglas", explicou o dirixente socialista, que celebra un consenso que "reforzará aínda máis" o partido.
No PSdeG-PSOE de Pontevedra "non sobra ninguén", segundo o seu secretario xeral en funcións, que subliñou que ambos os candidatos tiñan unha "coincidencia plena" para abordar unha "axenda progresista" coa vista posta no feminismo, o municipalismo e a cohesión social.
Defendeu que "a mensaxe que transmitimos á sociedade é a dun partido coa cabeza nos problemas que interesan á xente" e que opta a gañar as próximas eleccións "porque iso é o mellor que lle pode pasar a esta provincia".
Paloma Castro, pola súa banda, adiantou que a nova executiva traballará para lograr unha estrutura provincial "forte" na que "todos teñamos espazo" integrando todas as sensibilidades do partido e apostando por un "diálogo leal".
Ademais, sinalou que un dos obxectivos do partido será ampliar a súa base social e contar coa mocidade, para o que avogou por "estar na rúa e dar respostas á cidadanía desde a esquerda e coherentes cos nosos principios".
Tras este acordo, o calendario de cara ao cuarto congreso provincial continuará o vindeiro domingo 23 de xaneiro coa elección dos 212 delegados que participarán no conclave, previsto para os días 11 e 12 de febreiro.
Relacionadas:
-
Arranca o segundo mandato de David Regades á fronte da executiva provincial socialista
Por Redacción |
-
Os socialistas pontevedreses presumen de integración e feminismo nunha nova executiva provincial
Por Redacción |
-
Paloma Castro recolle o dobre dos avais precisos para presentarse como candidata á Secretaría provincial do PSdeG
Por Redacción |
-
Os socialistas ratifican as datas do 11 e 12 de febreiro para o seu congreso provincial
Por Redacción |
-
Regades optará á reelección como secretario provincial do PSOE no congreso que haberá en febreiro
Por Oskar Viéitez |