Luciano Sobral solicita unha reunión coa Xunta para falar da mellora da PO-308 no núcleo de San Salvador
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, enviou este xoves un escrito á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de cal solicita a convocatoria, na maior brevidade posible, dun encontro entre o Concello e a Xunta de Galicia, a fin de poder avanzar na elaboración dun convenio que impulse a humanización da PO-308 ao seu paso polo núcleo da parroquia de San Salvador.
O rexedor nacionalista entende que esta actuación "é unha obra moi necesaria e demandada, dada a situación de inseguridade e os accidentes que se rexistran nesta zona".
Sobral considera prioritario que se actúe no tramo que vai desde A Barca ata A Porteliña. "Queremos manter un encontro coa Consellería de Infraestruturas para tratar as condicións do convenio, de cara a poder acometer a humanización e o reforzo da seguridade nesta zona da estrada autonómica", recalcou o alcalde.
O goberno local leva tempo traballando na elaboración dun proxecto de reforma desta contorna da PO-308, cuxa titularidade pertence á Xunta de Galicia.
O alcalde entende que "ao igual que se fixo noutros concellos, entendemos que en Poio tamén é moi necesario que haxa un convenio de colaboración que impulse esta actuación no que é un dos núcleos principais do noso municipio".
"Estamos a falar dun tramo da PO-308 que soporta o tránsito de miles de vehículos diarios e que precisa de novos espazos para peóns e mellora nos servizos", concluíu Luciano Sobral.