O Concello programa diversos asfaltados en Monte Porreiro
Por Redacción
O Concello de Pontevedra anuncia que ao longo da vindeira semana, serán realizadas unha serie de obras de fresado e asfaltado que permitirán a reposición do firme en mal estado de diversos puntos do barrio de Monte Porreiro.
Os traballos a realizar o mércores 26 incluirán diversos puntos da rúa Armórica, ademais de na intersección das rúas Luxemburgo e Alemaña. Neste punto, de especial interese por mor da proximidade da parada de autobús e a contorna do IES Luís Seoane, está previsto un traballo especial de asfaltado, que ten por obxectivo crear unha plataforma única entre a parada e o instituto, o que derivará nunha mellora substancial da accesibilidade e de calmado do tráfico ao xerar un itinerario peonil sen barreiras, estando ao mesmo nivel calzada e beirarrúas nesta zona.
O día anterior, o 25, está prevista a reposición de firme en mal estado nas rúas Italia e no cruce de Alemaña con Bélxica.
Alén destas actuacións, o Concello lembra que xa realizou no barrio, ao longo dos últimos tempos, diversos traballos de mantemento e sostemento, que inclúen pintados, coidado das beirarrúas ou cambios de lousetas estragadas.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, lembrou que se está a traballar nos informes obrigatorios que permitan crear un bando para pechar a rúa Dinamarca coa instalación duns bolardos, tal e como foi acordado coa veciñanza da zona tralas súas peticións.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Doutra banda, están previstas actuacións de mantemento, xa fóra do barrio de Monte Porreiro, na avenida Domingo Fontán (o 27 de xaneiro), na rúa do Pintor Laxeiro (28 de xaneiro, onde se solucionará un problema de mobilidade nun paso de peóns), na rúa Peregrina (31 de xaneiro, no tramo entre o remate de Frei Juan Navarrete e o cruce de Sagasta coa avenida de Vigo e Andrés Mellado) e no último treito da avenida de Vigo (o 1 de febreiro).
Relacionadas:
-
Tino Fernández califica de "tacaña" a proposta do PP para Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A Praza da Leña volverá denominarse Eirado da Leña
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Lores cualifica de "esaxerada" e "tremendista" a visión do PP sobre o estado do Mercado de Abastos e Monte Porreiro
Por Anxo Lourido |
-
A Placemaking Week buscará solucións para Monte Porreiro e outras dúas áreas locais
Por Alejandro Espiño |