Proxectan obras para terminar co "problema grave" das inundacións no Gorgullón
Por Natalia Puga
O Concello de Ponteveda traballa nun proxecto para pór fin ao que consideran un "problema grave" que viven os veciños da zona do Gorgullón cada vez que chove de forma abundante: as inundacións e pozas con acumulación de auga.
O portavoz do Goberno local, Raimundo González, deu a coñecer este luns os plans municipais e avanzou que o proxecto estará redactado de forma "case inminente", nun prazo dunha ou dúas semanas. O gasto estimado das obras oscila os 315.0000 euros e afectará, fundamentalmente, ás rúas Curtidoira e Muiño.
Segundo explicou González Carballo, as obras consistirán nunha renovación total dos servizos entre ambas as rúas e contribuirán a "paliar" un problema que se remonta a hai xa varios anos.
As canalizacións entre as rúas Curtidoira e Muiño renovaranse tanto no caso das augas pluviais como da rede de sumidoiros de tal forma que irán en sentido descendente Curtidoira-Muiño-Gafos. Na actualidade, a auga vascula en dirección contraria, de Muiño cara a Curtidoira e aí estaría parte da orixe das inundacións.
O portavoz do Goberno municipal tamén achegou datos relativos ao encoro do Pontillón do Castro e explicou que se atopa ao 100% da súa capacidade tras as últimas choivas.
Na actualidade, a presa está achegando o 50% da auga que fornece a Pontevedra e os concellos da Ría, uns 14.000 metros cúbicos ao día. A outra metade do suministro provén da auga bombeada desde o río Lérez na estación de bombeo, como sucede cada ano no outono e inverno.