A biblioteca da Casa da Cultura de Moraña avanza na renovación do seu mobiliario
Por Redacción
O número de usuarios da biblioteca da Casa da Cultura de Santa Lucía de Moraña experimentou un incremento nos últimos anos. Por este motivo, desde o Concello procedeuse a dotar a este espazo de novo mobiliario e servizos.
O alcalde de Moraña, José Cela, achegábase este venres ata este espazo cultural para supervisar o inicio da mellora do mobiliario da biblioteca que, segundo anunciou, vai consistir na substitución das librarías existentes de madeira de piñeiro e de melamina.
Ademais da renovación dos estantes para libros, tamén se colocarán novas mesas en cor branca para os postos de informática. Todo o mobiliario foi realizado a medida para optimizar todos os espazos e incrementar a capacidade de almacenaxe.
Deste xeito, fontes municipais sinalan que se pretende dar ás instalacións un aspecto máis actual e uniforme co espazo, acorde coas actuacións e renovacións que se levaron a cabo nos últimos anos neste mesmo edificio.
En total, esta actuación supón unha inversión próxima aos 7.000 euros e, con ela, "buscamos facer máis cómoda e funcional a nosa Biblioteca, tan utilizada pola xente nova, e así adaptámola tamén aos novos usos e necesidades", sinalaba o alcalde de Moraña.