Ramallo anuncia a fase final de elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Marín
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, avanzaba este venres que a empresa encargada da redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) xa case ten finalizado o documento. Este plan marcará o futuro da vila en canto a mobilidade urbana.
O PMUS converterase, segundo o goberno local, nunha ferramenta para planificar o deseño dos espazos e nun instrumento para establecer as prioridades en materia de mellora urbana. Na elaboración do documento, a empresa realizou unha fase de diagnóstico do sistema de mobilidade de Marín, para estudar as súas características actuais e as posibles solucións.
Nunha segunda fase, avaliáronse os datos para detectar as principais necesidades para mellorar a mobilidade. E nunha terceira fase, a empresa establece propostas para dar resposta a esas necesidades que permitirán ofrecer beneficios en materia de habitabilidade.
O documento, segundo manifesta María Ramallo, atópase dentro da estratexia Marín Dusi e atópase cofinanciado nun 80% por un Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), da Unión Europea. A alcadesa considera que con esta fórmula Marín será un lugar máis adaptado ás persoas, con mellores espazos urbanos, máis zonas verdes e máis sostible.
Está prevista unha presentación oficial e pública deste plan cunha convocatoria para unha xornada participativa, coa idea de que se trate dunha ferramenta na que participe a veciñanza e diferentes actores sociais relacionados coa mobilidade.
O plan propón fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta; mellorar a conexión entre o centro urbano e as parroquias; e a posta en marcha de proxectos de mellora urbana no centro para renovar as rúas e ofrecer un urbanismo adaptado á mobilidade urbana sostible.
Ramallo indica que se traballará para lograr financiamentos e marcar as prioridades e os prazos para executar o plan cando estea finalizado coa idea de configurar unha vila máis moderna.
Relacionadas:
-
Marín presentará o seu plan de mobilidade nun acto aberto á cidadanía
Por Redacción |
-
Marín constata un elevado uso do coche particular para pequenos traxectos e un interese crecente pola bicicleta
Por Redacción |
-
Vilagarcía licita a elaboración do plan que marcará as pautas da mobilidade urbana para a vindeira década
Por Redacción |