Combarro celebra medio século sendo Conxunto Histórico e o Concello quere ensinar ao mundo a súa historia e tradición
Por Redacción
Os departamentos de Patrimonio e de Cultura do Concello de Poio están a traballar para poñer en marcha diferentes iniciativas para mellorar e dar a coñecer Combarro.
O 30 de novembro deste ano cumpriranse 50 anos da declaración oficial do municipio como Conxunto Histórico, polo que o Goberno local quere celebrar esa data ensinando ao mundo a historia e a tradición do enclave desde o punto de vista de atractivo turístico.
Segundo explicou o titular de Patrimonio, Xulio Barreiro, "o obxectivo non é outro que detectar fortalezas e debilidades, de xeito que poidamos establecer prioridades de intervención no ámbito de edificacións ou da mobilidade".
En canto a Xunta de o visto bo, o Concello abrirá o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en participar no concurso de licitación.
Pola súa banda, Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura, incidiu na importancia de "impulsar iniciativas que axuden a dar a coñecer a historia e o pasado de Combarro, sen perder de vista o presente e o futuro, de cara a continuar consolidándoo como un dos nosos referentes de sempre".
É por iso que o Goberno local manterá a liña trazada fai dez anos, cando levaron a cabo diferentes citas para celebrar o 40 aniversario da histórica data.