A folga paraliza o sector da conserva de peixe
Por Oskar Viéitez
A primeira xornada das tres convocadas nas conservas de peixe para reclamar un convenio colectivo digno tivo un seguimento practicamente total entre o persoal de produción, segundo informaron dende a CIG, un dos sindicatos convocantes xunto a Comisións Obreiras e UXT.
Centos de empregadas do sector aproveitaron para mobilizarse en localidades coma Vilagarcía ao berro de "non somos escravas, somos traballadoras", na defensa das súas condicións de traballo.
A xornada reivindicativa comezou a primeira hora da mañá coa labor dos piquetes informativos ás portas das principais compañías do sector, especialmente nas comarcas do Salnés e do Barbanza.
A CIG cifrou en arredor dun 90% o persoal de fabricación que non se presentou no seu posto de traballo, "o que amosa a responsabilidade e o compromiso que as persoas traballadoras do sector teñen co seu convenio e coas súas condicións laborais".
A responsable sindical da CIG do Salnés, Rosa Abuín, valorou moi positivamente tanto o seguimento da folga como as propias mobilizacións celebradas na praza de Galicia en Vilagarcía, diante da Xunta en Vigo e ás portas do Concello de Boiro "a pesar dos intentos de boicot por parte da patronal con ameazas e coaccións ás traballadoras para que non secundasen o paro".
A folga continuará os vindeiros días 3 e 4 de febreiro no caso de que as partes non cheguen a un acordo que permita desbloquear o conflito.
Relacionadas:
-
Protesta da CIG na Parda contra o xuízo dun delegado acusado de provocar lesións ao participar nun piquete
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Preacordo no convenio das conservas
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan mobilizacións para demandar un convenio digno no sector das conservas
Por Oskar Viéitez |