Chega á Audiencia de Pontevedra o xuízo polo alixo de 30 quilos de coca a bordo do New Polar
Por Oskar Viéitez
A Sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou a partir deste luns o xuízo polo alixo de 30 quilos de cocaína intervido pola Garda Civil en maio de 2019 no pesqueiro New Polar que sentará no banco dos acusados a seis persoas.
Os procesados son dous veciños de Cangas, o cociñeiro Manuel M.C., e o seu axudante, Luís P.S.; ademais de Adrián B.M., con domicilio en Vilagarcía; Alfonso S.G., de Poio; Luís Carlos V.P., de Vilaboa e Rodolfo R.A. de Málaga e ao que se identifica como a ligazón en España dos provedores da substancia coa que comercializaban os investigados.
A Fiscalía pide que cada un deles sexa condenado a unha pena de nove anos de prisión por un delito contra a saúde pública, cunha multa de dous millóns de euros, e outros dous anos por integración en grupo criminal.
O fiscal antidroga, Pablo Varela asegura que o cociñeiro era un falso confidente policial que "se servía da súa aparente colaboración para protexer a súa propia actuación persoal" e así os acusados transportaban "sucesivas partidas de cocaína que desde Uruguai traían a España mercé aos contactos que naquel país dispoñían cos provedores da substancia".
Ademais, detalla "as funcións que desenvolvían os empregados na cociña do barco pesqueiro de altura con escala en Uruguai, no que escondían as partidas de cocaína ata o noso territorio".
A Fiscalía explica no seu escrito como as investigacións da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil e do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Comandancia de Pontevedra revelaron a existencia desta rede de narcotraficantes.